HomeTabeirósCerdedo - CotobadeRemata o día 10 de xuño o prazo para inscribirse nas tres...

Remata o día 10 de xuño o prazo para inscribirse nas tres ludotecas que pon en marcha o Concello de Cerdedo-Cotobade

- Anuncio -spot_img

• O equipo de goberno destina a favorecer a conciliación laboral e familiar estival uns 20.000 euros para esta actividade de verán

O Concello de Cerdedo-Cotobade organiza tres ludotecas de verán que se desenvolverán nas localidades de Carballedo, Tenorio e Cerdedo durante os meses de xullo e agosto e nas que terán preferencia os nenos e nenas empadroados no municipio. A esta iniciativa de conciliación familiar estival dedicaranse uns 20.000 euros.

As tres ludotecas, que están orientadas a nenos de 4 a 12 anos, pecharán o prazo de inscrición de solicitudes o vindeiro día 10 de xuño, un custo por rapaz de 40 euros ao mes.

As ludotecas, que se desenvolverán durante as 40 xornadas hábiles dos meses de xullo e agosto atendidas por oito monitores, terán 45 prazas cada unha en cada un dos grupos mensuais, polo que nesta ocasión o Concello habilitará un total de 270 prazas durante todo o verán.

Na súa programación mestúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo das linguas galega e inglesa, o traballo en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables. Para iso, organizaranse xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas, talleres, animación á lectura, saídas
e roteiros.

Entre as actividades faranse carreiras, saltos equilibrios, relevos, mini partidos, xogos de pistas, a procura do tesouro, festa da auga, etc.
Entre os obradoiros salientan os de cociña, pintura, barro, experimento, papiroflexia e maquillaxes. Tamén se incentivará a animación á lectura, contacontos, teatriños, etc.

Aproveitaranse estas ludotecas para fomentar actividades lúdicas en galego para o reforzo da lingua a través de xogos de vocabulario, expresión oral, contos para traballar a escoita activa, cancións, tradicións populares, música, etc. ademais de fomenta-la corresponsabilidade e a educación para a igualdade.

Neste aspecto cabe salientar que o Concello reforza este ano as accións no marco da conciliación familiar estival dedicándolle á organización destas tres ludotecas uns 20.000 euros.

Publicacións Relacionadas