Uns 11 postos instálanse cada venres nas proximidades do porto durante o verán
A parroquia ribeirense de Corrubedo celebra por terceiro ano consecutivo o seu mercado ambulante semanal; unha medida que se pon en marcha durante o verán para dinamizar o lugar social e economicamente.
Esta feira desenvólvese cada venres, de 08.00 a 15.00 horas, nas proximidades do porto, no período comprendido entre finais de xuño e principios de setembro. Uns 11 postos integran este mercado, onde se pode atopar alimentación, téxtil, calzado ou complementos, entre outros.
Ata o lugar desprazouse onte o concelleiro de Mercados, Vicente Mariño, quen destaca este tipo de iniciativas “para achegar tamén as feiras ás nosas parroquias. Esta medida aplicouse en todas aquelas que amosaron interese e nas que funcionaron as vendas como son Corrubedo e Aguiño. Damos así resposta a esta demanda veciñal durante a época estival.”

