A actuación servirá para aumentar a vida útil do viaduto
O Concello de Soutomaior acaba de iniciar os traballos de actualización da ponte sobre o río Verdugo no barrio de Comboa. As obras servirán para reparar a superficie dos dous piares centrais, desgastada polas riadas e o paso do tempo, e protexer a estrutura instalando unha cobertura de fibra de vidro que prolongue a vida útil do viaduto. A mellora ten un orzamento de obra de 40.000 euros que o Concello de Soutomaior financiará a través do Plan Concellos da Deputación.
Os labores, realizadas por un grupo de mergulladores profesionais, comezaron esta semana coa limpeza dos piares para retirar a capa superficial do formigón deteriorada polo paso do tempo e o impacto de ramas e materiais arrastrados pola corrente do rio.
Unha vez finalizada a limpeza procedeuse á instalación dos moldes que suxeitarán, e manterán separada da auga, a mestura de materiais que se inxectará proximamente para reparar a parte mergullada dos piares. A zona non mergullada das columnas, ao manterse en bo estado, será renovada superficialmente cunha mestura de morteiro R3 para garantir unha correcta protección do interior da estrutura.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, visitou esta mañá os traballos e destacou que “se trata dunha infraestrutura fundamental para a mobilidade no municipio. Dá servizo a moitos veciños, de leste e outros barrios, durante todo o ano e é o acceso por onde chegan os visitantes da praia fluvial durante o verán”, finalizou Reguera.



