A fronte nacionalista defende priorizar o aforro, reducir as perdas na rede e deixar de empregar auga potábel para a limpeza das rúas ou o rego
Xabier P. Igrexas: “Non se pode falar de construír novos encoros noutros concellos mentres seguimos baldeando as rúas con auga de beber”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demanda que Concello e Xunta impulsen, en colaboración cos concellos da contorna e coa participación da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, un Plan metropolitano de xestión eficiente e integral do ciclo da auga, co obxectivo de afrontar con criterios de sustentabilidade e cooperación institucional os desafíos derivados da emerxencia climática.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que “a auga é un ben esencial, imprescindíbel, pero tamén un recurso escaso que require unha xestión racional e responsábel”. Nese sentido, contrapuxo a proposta nacionalista ás “falsas solucións e permanentes improvisacións” defendidas polo alcalde Abel Caballero, quen nos últimos anos foi mudando de posición ao propoñer sucesivamente transvasamentos, novas captacións e, agora, un novo encoro. Medidas todas elas fóra do termo municipal e cun evidente impacto ecolóxico.
Aforro e eficiencia
A fronte nacionalista considera que antes de abrir o debate sobre novas infraestruturas hidráulicas é necesario optimizar os recursos existentes e mellorar a eficiencia da rede de abastecemento.
Igrexasvolveu reclamar, como xa fixo no último Pleno municipal, que Concello e Xunta de Galiza impulsen de maneira coordinada, xunto co resto de concellos da contorna e coa participación da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, un plan conxunto que permita unha planificación integral do ciclo da auga.
Entre as medidas propostas figura a realización dunha auditoría completa da rede municipal de distribución para reducir as perdas de auga, que o propio Goberno municipal sitúa arredor do 15%, aínda que outras estimacións as elevan por riba do 30%.”Estamos falando de milleiros de litros de auga que se perden baixo as rúas da cidade por falta de investimento e de mantemento”, denunciou Igrexas.
O BNG considera tamén “imprescindíbel e urxente” rematar coa utilización de auga de consumo humano para a limpeza viaria.Neste sentido, Igrexas preguntouse polo proxecto anunciado polo alcalde en agosto de 2022 para reutilizar augas rexeneradas procedentes da estación depuradora con destino ao rego e ao baldeo das rúas.”O propio Abel Caballero asegurou daquela que esa actuación permitiría aforrar até 350.000 metros cúbicos de auga potábel ao ano. Case tres anos despois, nada se sabe desa iniciativa”, criticou.
Para a fronte nacionalista, resulta “irracional” seguir empregando auga potábel para limpar as beirarrúas mentres se reclama a construción de novos encoros noutros concellos.
Medidas concretas
A proposta do BNG incorpora tamén a elaboración de plans municipais de aforro e racionalización do consumo, a optimización dos recursos hídricos dispoñíbeis en cada concello, o reforzo da colaboración coas comunidades e traídas veciñais de auga, a separación efectiva das redes de augas pluviais e residuais e o impulso de medidas de hidroeficiencia nos polígonos industriais e nas actividades económicas.
Segundo Igrexas, a resposta aos retos da emerxencia climática “non pode consistir en multiplicar grandes infraestruturas con elevado impacto ambiental, senón en xestionar mellor os recursos dos que xa dispoñemos”.
“A primeira medida na xestión da auga non son novos encoros. A primeira medida é apostar decididamente polo aforro e por unha xestión sustentábel. Non se pode falar de construír novos encoros noutros concellos mentres seguimos perdendo auga na rede de abastecemento e empregando miles de litros de auga potábel para limpar as rúas de Vigo”, concluíu o portavoz nacionalista.

