HomePontevedraPepa Pardo defenderá no próximo Pleno a elaboración dun plan de humanización...

Pepa Pardo defenderá no próximo Pleno a elaboración dun plan de humanización integral do barrio da Seca

- Anuncio -spot_img

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo rexistra unha moción que se debaterá no Pleno do presente mes para reverter a situación de “abandono absoluto” por parte do Concello “desde hai máis unha década”

Os problemas máis denunciados pola veciñanza son o mal estado de beirarrúas e rúas, a falta de papeleiras, o estado dos contedores, algúns rotos e en condicións totalmente insalubres, e as canalizacións, “propias do século pasado”

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo defenderá no Pleno municipal deste mes a elaboración dun plan de humanización integral do barrio da Seca, “un barrio abandonado e inexistente para o Goberno do Concello de Pontevedra”. A edil, no documento, entre outras cousas, solicita o arranxo das beirarrúas con baldosas rotas e con pequenas fochas, a roza das beirarrúas e a reposición do mobiliario urbano roto ou en mal estado. Ademais, Pardo esixe un plan de desratización para a zona.

Outro dos puntos que para Pardo ten gran importancia é que o Concello retome o proxecto en relación á cuberta das vías do tren ao seu paso pola Seca, onde estaba ideada unha zona de esparexemento e que na actualidade está pechado. “Pedimos que se urbanice este espazo para que os veciños poidan sacarlle o máximo partido”, destacou a popular.

“O barrio da Seca, situado a menos de cinco minutos do centro de Pontevedra, atópase nun estado de abandono absoluto por parte do Concello desde hai máis unha década. A pesar desa escasa distancia co centro, cando un entra nel, queda patenta a realidade á que se someteu ao barrio e aos seus veciños”, subliñou a popular. Así, Pardo solicita a limpeza de rúas, o recambio dos contedores rotos, e o incremento do número e reposición de papeleiras.

A maiores, Pardo incidiu na importancia da mellora das canalizacións e o pintado das liñas separadoras das prazas de aparcadoiro público, e fíxoo na última das visitas que fixo a esta zona na que os veciños recalcaron a importancia desta acción.

Pardo especificou que o barrio, con máis de 9.000 metros cadrados de titularidade municipal, non se executou ningún dos prometidos proxectos de creación de zonas de lecer e deportivas, “impedindo á cidadanía a súa goce”. Por iso, a concelleira pide a creación de zonas de esparexemento e a colocación de bancos.

“Os barrios tamén existen. Os barrios son Pontevedra”, finalizou a edil.

Publicacións Relacionadas