O BNG esixe responsabilidades trala nova condena que custará máis de 100.000 euros á veciñanza de Ribeira

Redacción

Luís Pérez Barral: “Non pode ser que a veciñanza teña que pagar sempre as consecuencias dunha forma de gobernar baseada nas irregularidades”.

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira esixe ao Partido Popular que asuma responsabilidades políticas despois de que unha nova sentenza xudicial obrigue ao Concello a destinar máis de 104.000 euros de diñeiro público para afrontar as consecuencias dunha contratación irregular mantida durante máis de trece anos.

A resolución do Xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela determina que unha traballadora municipal prestou servizos entre os anos 1991 e 2004 como “falsa autónoma”, desenvolvendo funcións estruturais para o Concello sen estar dada de alta na Seguridade Social nin cotizar como correspondía. Como consecuencia desta actuación irregular, será agora a veciñanza de Ribeira quen teña que asumir o custo económico.

O exalcalde portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, xunto o responsable local Rafa Pazos e a concelleira Cruz Rivadulla, consideran que esta situación “non pode despacharse como un simple erro administrativo”. “Estamos diante dunha actuación irregular prolongada durante máis de trece anos que agora supón perder máis de cen mil euros de recursos públicos. Hai persoas que participaron naquela forma de gobernar e que aínda hoxe continúan ocupando cargos de representación pública, polo que o mínimo esixible é que dean explicacións e asuman as súas responsabilidades políticas”, afirmou.

O BNG lembra que eses máis de 104.000 euros poderían destinarse a necesidades prioritarias do municipio como ampliar redes de saneamento, mellorar o abastecemento de auga, pavimentar rúas ou reforzar servizos públicos nas parroquias. “Cada euro que se emprega para pagar as consecuencias das irregularidades do PP é un euro que deixa de investirse na mellora da calidade de vida da veciñanza”, sinalou Pérez Barral.

Unha forma de gobernar que continúa pasando factura
Para o BNG, esta condena evidencia que non se trata dun feito illado, senón dunha maneira de actuar que continúa tendo graves consecuencias económicas para o Concello de Ribeira.

Os nacionalistas lembran que este caso súmase ás posibles responsabilidades económicas derivadas da concesión de dúas licenzas ilegais para a gasolineira de Xarás, unha actuación que podería supoñer unha reclamación de ata catro millóns de euros para as arcas municipais. Ademais, denuncian que a decisión do Partido Popular de abandonar o proxecto da residencia pública de maiores previsto nas Saíñas para trasladalo a San Roque significaría deixar sen utilidade máis de 800.000 euros xa investidos na adquisición da parcela, o derrubo da antiga discoteca e a redacción do proxecto.

“Estamos falando dunha sucesión de decisións que teñen un denominador común: unha mala xestión que acaba converténdose en perdas económicas para toda a veciñanza. Mentres outras administracións aproveitan cada euro para mellorar os seus concellos, en Ribeira, por culpa do Partido Popular destínanse recursos a pagar as irregularidades e apaños do Partido Popular”.

O BNG reclama transparencia e responsabilidades
Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran que a veciñanza merece explicacións sobre unha situación que continúa hipotecando os recursos municipais décadas despois e que se pretende despachar como un erro administrativo. “Non é suficiente con pagar as condenas xudiciais. Hai que asumir tamén as responsabilidades políticas. A veciñanza ten dereito a saber quen tomou estas decisións e por que hoxe segue sendo o Concello quen paga as consecuencias”.

O portavoz nacionalista contrapuxo esta forma de actuar coa xestión desenvolvida polo BNG durante os dous anos e medio á fronte do Concello. “Demostramos que existe outra maneira de gobernar, baseada no rigor, na transparencia e no respecto polos cartos públicos. Cada investimento debe responder ao interese xeral e non ás improvisacións nin ás irregularidades. Ribeira necesita un goberno que protexa os recursos públicos e non que obrigue á cidadanía a pagar unha e outra vez as consecuencias das malas decisións do pasado”, concluíu.

Comparte este artigo