O BNG de Vigo denuncia o “colapso inaceptábel” da Atención Primaria e esixe á Xunta o reforzo inmediato do persoal sanitario

Redacción

A fronte nacionalista alerta de esperas de case 20 días para conseguir cita en medicina de familia e pediatría e acusa ao PP de “xogar coa saúde das viguesas e dos vigueses como se no verán non se enfermase”

Xabier P. Igrexas: “Ao pechar as portas da Atención Primaria, o Sergas empurra a veciñanza cara a uns PAC e Urxencias xa saturados”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou o “colapso absolutamente inaceptábel” que sofre este verán a Atención Primaria na cidade de Vigo como consecuencia da política sanitaria da Xunta de Galiza, e reclamou ao Goberno galego a activación inmediata de todos os recursos necesarios para garantir unha atención sanitaria digna nos centros de saúde.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que a situación actual confirma as advertencias realizadas pola fronte nacionalista nos últimos meses sobre o impacto que ía ter a falta de cobertura das vacantes e substitucións durante o período estival.

“Non falamos de teorías nin de estatísticas baleiras. Falamos da realidade que padecen milleiros de viguesas e vigueses”, afirmou Igrexas, quen explicou que no seu propio centro de saúde a primeira cita dispoñíbel para medicina de familia se demora até o 19 de agosto e que tampouco existe dispoñibilidade para pediatría das súas crianzas antes do día 18. “Case vinte días de espera para unha consulta. É a crónica dun desastre anunciado”, lamentou.

O PP estrangula a Atención Primaria

A fronte nacionalista responsabiliza directamente ao Goberno do Partido Popular da deterioración da asistencia sanitaria pública. Neste sentido, Igrexas sinalou que “as nefastas políticas sanitarias do PP continúan estrangulando a Atención Primaria ao negarlle os medios e o persoal necesarios, mentres segue destinando ducias de millóns de euros a financiar o negocio da sanidade privada”.

O portavoz nacionalista denunciou que a Xunta continúa planificando o verán “como se a xente deixase de enfermar durante as vacacións”, sen garantir a cobertura do 100% das baixas, vacacións e substitucións do persoal sanitario.

“Esta política de recortes e desmantelamento non colle vacacións. Deixar os centros de saúde sen o persoal necesario provoca un efecto dominó devastador sobre todo o sistema sanitario”, advertiu.

Saturación das urxencias

O BNG alertou de que a deterioración da Atención Primaria está a provocar un incremento da presión asistencial sobre os servizos de urxencias.”Ao pechar as portas da Atención Primaria, o Sergas empurra a veciñanza a acudir masivamente ao PAC de Pizarro e ás Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro”, sinalou Igrexas.

Segundo explicou, esta situación tradúcese en profesionais sanitarios sometidos a unha presión asistencial extrema, servizos saturados, longas horas de espera e pacientes atendidos en condicións impropias.

“O máis grave é que esta situación provoca que moitas doenzas se atendan máis tarde do debido, complicando innecesariamente os cadros clínicos, e que persoas con enfermidades crónicas non poidan recibir o seguimento que precisan”, advertiu.

Reforzo inmediato

Diante desta situación, o BNG esixe á Xunta de Galiza a activación inmediata dos recursos humanos e materiais necesarios para garantir unha asistencia sanitaria de calidadedurante todo o período estival.

En concreto, a fronte nacionalista reclama a cobertura íntegra do cadro de persoal dos centros de saúde, o reforzo urxente da atención continuada e dos servizos hospitalarios e a fin das políticas de recortes que, ao seu xuízo, están deteriorando progresivamente a sanidade pública galega.

“A sanidade pública de Vigo non pode seguir sendo a vítima do abandono do Partido Popular. O dereito á saúde non admite recortes nin vacacións”, concluíu Igrexas.

Comparte este artigo