Haberá tamén funcións infantís, animación de rúa e espectáculos nocturnos
A feira Artemar regresa a Ribeira na súa décimo novena edición, do 13 ao 16 de agosto, con preto dun cento de stands de venda de produtos, ademais de funcións infantís, animación de rúa e espectáculos nocturnos. A concelleira de Turismo, Ana Barreira, xunto á técnica municipal desta área, Sandra Fernández, destaca que esta feira, xunto a outras accións que se desenvolven ao longo do ano, “contribúen a dinamizar e animar o noso municipio a nivel turístico, ademais de dar un impulso económico local ao crear sinerxías co tecido comercial e hostaleiro da nosa cidade ao atraer a numerosas persoas a Ribeira que tamén van mercar e consumir aquí. Por iso dende o Concello de Ribeira volvemos impulsar Artemar que, desta vez, estará a cargo da empresa AMB La Fragua de Vulcano, especializada neste tipo de eventos, e que, ademais, conta cunha subvención da Deputación da Coruña.”
Nesta edición, a rúa de Galicia será a arteria principal como era habitual, se ben, se incorporarán un tramo de Rosalía de Castro e a contorna da praza do Concello; todas elas engalanadas con decoración que alude á temática mariñeira como redes ou apeiros de pesca, predominando as cores branca, vermella e azul.
Para que a temática chegue a cada recuncho, o Concello organiza un Concurso de Decoración de Establecementos, no cal poderán participar tódolos negocios da cidade sen necesidade de inscricións.
Os locais mellor valorados elixiranse por votación popular, acudindo á oficina de Turismo do Malecón e cubrindo unha papeleta cos datos.
Os tres establecementos mellor valorados recibirán un agasallo e sortearase outro entre tódalas persoas que votaron. Neste senso, a edil apela á participación das empresas locais neste certame, así como á cidadanía, polo que anima a implicarse na celebración con vestimenta relacionada co mundo mariñeiro
No que a actividades complementarias se refire, haberá un mínimo de 3 horas de talleres infantís no xoves 13 e u mínimo de 6 horas de talleres e obradoiros cada un dos días restantes (venres 14, sábado 15 e domingo 16), así como espectáculos nocturnos cada xornada.
En canto a artesáns e empresas con domicilio fiscal en Ribeira, Barreiro explica que se aplicará unha bonificación do 50% sobre o prezo xeral pola instalación do posto, polo que animou a aquelas empresas ou artesáns interesados a contactar coa dita empresa organizadora nestas semanas previas para participar, facilitando o seu contacto na oficina de Turismo do Malecón ou no Centro Cultural Lustres Rivas.
Horarios da feira
Esta edición abrirá as súas portas no xoves 13, ás 18.00 horas, con peche á medianoite. O pregón inaugural contará coa presenta das compañías da feira e membros da Corporación municipal.
No venres 14, sábado 15 e domingo 16, abrirá de 12.00 a 15.00 horas e de 18.00 horas ata a medianoite, con posibilidade de alongar o peche ata as 02.00 horas da madrugada na fin de semana.

