O BNG de Vigo reclama uns orzamentos participativos para 2027 fronte á “inexecución récord” de Caballero

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que o Concello acumula 363 millóns de euros sen executar nos orzamentos de 2023, 2024 e 2025 e advirte de que a cifra vai superar os 500 millóns ao remate deste ano

Xabier P. Igrexas: “O diñeiro do Concello non é de Abel Caballero. É das viguesas e dos vigueses e teñen que ser elas e eles quen decidan tamén as prioridades da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou a posta en marcha dun proceso de orzamentos participativos de cara a elaboración das contas municipais de 2027, co obxectivo de que a cidadanía, o tecido asociativo e os movementos sociais poidan decidir directamente o destino dunha parte dos recursos públicos municipais.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que os orzamentos constitúen “a decisión máis importante que toma un concello”, xa que determinan como se empregan os recursos públicos e que modelo de cidade se constrúe.

“Nunca houbo un Concello con tantos recursos económicos como o actual, pero tampouco un Goberno con tan pouca capacidade para convertelos en políticas útiles para mellorar a vida da veciñanza”, asegurou.

Centos de millóns inmobilizados

A fronte nacionalista volveu denunciar a elevada inexecución orzamentaria do Goberno municipal de Abel Caballero, lembrando que nos últimos tres exercicios xa se acumulan 363 millóns de euros correspondentes aos orzamentos de 2023, 2024 e 2025 que continúan sen executar.

Segundo advertiu Igrexas, esa cifra aumentará previsibelmente ao peche do actual exercicio. “Todo apunta a que ao finalizar 2026 estaremos falando de arredor de 500 millóns de euros sen executar. É a consecuencia directa dun Goberno instalado na falla de xestión, incapaz de transformar os recursos municipais en solucións para os problemas reais da cidade”, criticou.

Atender as necesidades reais

Para o BNG, os recursos municipais deben destinarse a responder ás principais necesidades da veciñanza, reforzando as políticas sociais, impulsando unha verdadeira política pública de vivenda, mellorando o transporte urbano e poñendo fin ao abandono que padecen barrios e parroquias.

A estas prioridades, Igrexas sumou a necesidade de combater a “desertización cultural” da cidade, rematar co “maltrato ao deporte vigués” e recuperar unha auténtica política municipal de mocidade.

“Os recursos públicos teñen que servir para mellorar a calidade de vida das viguesas e dos vigueses, non para seguir acumulando anuncios, infografías e promesas que nunca se materializan”, afirmou.

Un proceso aberto á cidadanía

O BNG considera que a elaboración dos orzamentos de 2027 debe realizarse mediante un proceso de participación cidadá que permita incorporar directamente as prioridades da veciñanza. “O diñeiro non é de Abel Caballero. Os recursos do Concello pertencen a todas as viguesas e a todos os vigueses”, subliñou Igrexas.

Nese sentido, a fronte nacionalista reclama que o Goberno municipal habilite un proceso de orzamentos participativos que permita á cidadanía e ao tecido asociativo a decidir “nun exercicio radicalmente democrático” unha parte significativa dos investimentos municipais.

“Os orzamentos de 2027 teñen que ser uns orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade, non só unhas contas elaboradas exclusivamente ao capricho do alcalde e da súa maioría absoluta”, defendeu o portavoz nacionalista.

Para o BNG, avanzar cara a un modelo de participación directa permitiría facer un uso máis eficiente dos recursos públicos e reforzar a transparencia e a corresponsabilidade democrática.

“Do que se trata é de que o diñeiro de todas e de todos deixe de alimentar propaganda e anuncios, e sirva realmente para transformar a mellor a nosa cidade”, concluíu Igrexas.

Comparte este artigo