O alcalde de Caldas de Reis tralada á consellería de Educación unha petición para ampliar o servizo do comedor escolar do CEIP Alfonso VII

Redacción

Jacobo Pérez advirte de que o comedor conta con 160 prazas, unha cifra moi por debaixo das 192 solicitudes presentadas para o vindeiro curso, polo que solicita á Xunta de Galicia “medidas para que todas as familias poidan acceder á prestación en igualdade de condicións”

O rexedor caldense traslada a inquedanza da ANPA e da comunidade educativa e insta a que se estableza unha terceira quenda de comedor como medida urxente, para atender a demanda inmediata “mentres non se atopa unha solución definitiva”

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, enviou hai uns días unha carta ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, unha carta para trasladarlle a “fonda preocupación” que existe actualmente na comunidade escolar pola situación na que se atopa o servizo de comedor do CEIP Alfonso VII. Na misiva, o rexedor caldense traslada ao titular do ente autonómico, do que depende a xestión do centro educativo, traslada a preocupación que existe entre os membros da dirección da escola, da ANPA, do conxunto das familias e do resto de forzas políticas pola situación deste servizo. A ampliación das instalacións do comedor que se acometeu o ano pasado, se ben foi unha mellora importante, “demostrou ser insuficiente para dar resposta á demanda actual”.

Neste sentido, Jacobo Pérez advirte de que actualmente o comedor conta con 160 prazas, fronte ás 192 solicitudes presentadas para a vindeira tempada escolar, o que “evidencia un déficit de capacidade que deixa sen cobertura a unha parte moi importante do alumnado”.
Ante estes feitos, o solicita á Consellería de Educación que aplique, con carácter urxente unha serie de medidas, como establecer unha terceira quenda de comedor, tal e como se viña facendo nos últimos cursos, o que permitiría “atender de forma inmediata a demanda existente, mentres non se adopta unha solución definitiva. Además, o rexedor caldense tamén propón impulsar “con carácter prioritario” unha nova ampliación das dependencias do comedor. “Segundo os informes e a realidade urbanística da parcela resulta viable e necesaria para garantir un servizo acorde ás necesidades actuais e futuras do Alfonso VII”, apunta Pérez Gulín. Nos últimos anos, preto do 80% do alumnado de nova incorporación solicita o servizo de comedor escolar. “É unha tendencia que está consoliada e que todo apunta a que continuará en crecemento nas vindeiras temporadas lectivas, polo que, de non acometerse unha ampliación estrutural, a situación actual non só se manterá, senón que se verá agravada”, advirte o máximo responsable do Goberno municipal.

Jacobo Pérez lembra que o comedor escolar “constitúe un recurso esencial para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, así como para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado”. É por iso polo que o alcalde ve imprescindible que se acometan por parte da Xunta de Galicia “as medidas que sexan necesarias para asegurar que todas as familias que precisan desta prestación poidan acceder a ela en condicións de igualdade”.

Comparte este artigo