A fronte nacionalista propón constituír un Comité de Emerxencia Social para coordinar a resposta institucional e incorporar a participación das entidades sociais
Xabier P. Igrexas: “As persoas empobrecidas non son o problema; o problema é a pobreza, a exclusión social, a falla de oportunidades e de xustiza social”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou ao Concello de Vigo e á Xunta de Galiza que abandonen a confrontación partidista e impulsen unha resposta coordinada diante da “evidente emerxencia social” que atravesa a cidade, coa creación dun Comité de Emerxencia Social que permita coordinar actuacións e ofrecer solucións ás persoas en situación de pobreza e exclusión.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, censurou que ambas administracións continúen “tratando as persoas empobrecidas ou en situación de exclusión da cidade de Vigo como unha pataca quente”, limitándose a “lanzarse” mutuamente as responsabilidades mentres se agrava a situación social.
“As persoas empobrecidas non son o problema; o problema é a pobreza, a exclusión social, a falla de oportunidades, a falta de xustiza social”, afirmou Igrexas, quen reclamou que as administracións deixen de ofrecer “cada vez maiores doses de violencia administrativa” a quen o único que demanda é “axuda e apoio institucional”.
Emerxencia social
A fronte nacionalista advertiu de que Vigo atravesa unha situación de emerxencia social acreditada polos propios indicadores oficiais. Igrexas lembrou que, segundo o índice AROPE, máis de 60.000 persoas viven na cidade en risco de pobreza ou exclusión social. A esta realidade súmanse “varios centos de persoas en situación de senfogarismo” e outras tantas que dependen de comedores sociais ou de entidades asistenciais para acceder a alimentos.
O portavoz nacionalista tamén puxo como exemplo da falla de coordinación institucional o caso dunha veciña de 69 anos á que, pola súa idade, non se lle permite acceder ao albergue municipal sen que, ao mesmo tempo, Concello nin Xunta lle ofrezan unha solución.
“Cada dous días prodúcese un desafiuzamento sen alternativa habitacional na nosa cidade. Esta realidade esixe respostas inmediatas e non o permanente intercambio de reproches entre administracións”, advertiu.
Comité con tres mesas
Como resposta a esta situación, o BNG dirixirase formalmente tanto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, como ao alcalde, Abel Caballero, para propoñer a creación dun Comité de Emerxencia Social.
A proposta nacionalista contempla unha estrutura integrada por tres mesas permanentes. A primeira sería unha mesa institucional, coa participación do Concello e da Xunta para coordinar o exercicio das súas competencias en materia de atención social. A segunda sería unha mesa técnica, encargada de deseñar e executar medidas concretas para responder ás situacións de exclusión e pobreza na cidade. Finalmente, proponse unha mesa social que incorpore a participación das organizacións non gobernamentais, entidades sociais e colectivos que traballan directamente coas persoas máis vulnerábeis.
O Comité tería como principal cometido despregar un Plan de Acción Urxente que permita reforzar os mecanismos e recursos sociais, con medidas e prazos concretos.
“Humanizar” de verdade
Para o BNG, resulta “inaceptábel” que PSOE e PP continúen instalados “na súa permanente lea partidista”, eludindo responsabilidades e obrigando ás persoas que precisan axuda a percorrer un labirinto administrativo no que “ningunha administración nin a outra asumen as súas competencias”.
“É momento de dicir basta, é momento de poñer solucións, é momento de apostarmos por humanizar de verdade Vigo poñendo as persoas no centro”, defendeu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista concluíu asegurando que “a aneira de que Vigo sexa de verdade a mellor cidade para vivir é que todas e todos, sen excepción, poidan facelo con dignidade”, o que require unha actuación coordinada, eficaz e baseada na cooperación institucional fronte á emerxencia social que vive a cidade.

