A fronte nacionalista aposta por crear e mellorar espazos públicos, impulsar programas de formación e lecer e establecer unha axenda estábel de eventos e competicións durante todo o ano
Xabier P. Igrexas: “Temos talento, temos creatividade e temos unha identidade urbana moi potente, o que falta é unha política pública que o acompañe e potencie”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de propoñer que o Concello de Vigo poña en marcha a Estratexia Pulso Urbano, unha iniciativa destinada a consolidar a cidade como a capital galega da cultura e do deporte urbanos, aproveitando a potencia e a proxección de citas como O Marisquiño.
A proposta pretende impulsar o talento, a creatividade e a enerxía moza da cidade e facer dos espazos públicos escenarios para a creación, a práctica deportiva e a participación. “Unha aposta decidida por impulsar o talento, a creatividade e a enerxía moza da nosa cidade”, resumiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. “Temos talento, temos creatividade e temos unha identidade urbana moi potente. O que falta é unha política pública que o acompañe e potencie”, remarcou.
A iniciativa estrutúrase en tres grandes eixos de actuación. O primeiro sería a creación e mellora dunha rede municipal de espazos para a práctica e creación urbana. O BNG propón acondicionar e ampliar instalacións públicas para skate, BMX e outras disciplinas, así como habilitar espazos municipais para ensaio, produción musical, creación audiovisual, arte urbana e outras expresións culturais emerxentes. A iniciativa incluiría tamén a recuperación de espazos infrautilizados para poñelos ao servizo da creación xuvenil.
O segundo eixo sería un programa de formación e lecer, con obradoiros e actividades gratuítas ao longo do ano para facilitar o acceso da mocidade e do conxunto da cidadanía a estas disciplinas. Trataríase de ofrecer formación en skate, BMX, danza urbana, música, DJ, produción audiovisual, graffiti e outras formas de expresión, contando coa colaboración de artistas, colectivos e entidades locais.
O terceiro eixo consistiría na creación dunha axenda estábel de exhibicións, competicións, encontros, concertos, intervencións artísticas e actividades nos barrios e parroquias. O obxectivo sería descentralizar a programación, facer do espazo público un lugar de creación e participación e favorecer que o talento local teña visibilidade e oportunidades.
Igrexas salienta que a proposta debe servir tamén para apoiar o tecido asociativo e creativo local, facilitando recursos, espazos e acompañamento ás iniciativas impulsadas por colectivos xuvenís, artistas e entidades sen ánimo de lucro e promovendo a participación no deseño de todas as liñas de actuación para garantir o seu dinamismo.
Capital urbana galega
“O que queremos é facer de Vigo o referente indiscutíbel do movemento urbano en Galiza e no ámbito internacional, facendo cidade e promovendo o talento na rúa”, sinalou Igrexas. Para o BNG, Vigo conta cunha enorme potencia nas culturas urbanas que debe ser acompañada desde as políticas públicas. A Estratexia Pulso Urbano pretende, neste sentido, pasar dunha visión baseada fundamentalmente na celebración de grandes eventos a unha política pública estábel, con infraestruturas, formación, apoio á creación e programación.
“Non queremos que Vigo sexa simplemente a cidade que acolle O Marisquiño durante uns días. Queremos que sexa unha cidade que produza cultura urbana, que xere talento, que dea oportunidades á mocidade e que teña unha pulsación creativa permanente durante todo o ano”, sinala Igrexas.
A fronte nacionalista defende que esta aposta permitiría tamén dinamizar os barrios e parroquias, favorecer a participación da mocidade e reforzar a capacidade de Vigo para atraer e reter talento, ao tempo que se proxecta a cidade como un referente das novas expresións culturais e deportivas urbanas.
“Coa Estratexia Pulso Urbano, queremos posicionar Vigo como o referente indiscutíbel do movemento urbano en Galiza e no ámbito internacional, facendo cidade e promovendo o talento na rúa”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

