A fronte nacionalista propón reunir Concello, Xunta, sindicatos e movementos sociais para aprobar antes de finais de ano un plan de resposta urxente ante unha crise que deixa xa o alugueiro dun piso de 80 metros cadrados por riba dos 950 euros
Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que centos de familias e de mozas e mozos fiquen sen casa mentres temos en Vigo máis de 22 mil vivendas baleiras”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama a posta en marcha dunha Mesa Local polo Dereito á Vivenda ante o agravamento da emerxencia habitacional en Vigo. A proposta pretende reunir o Concello, a Xunta de Galiza, os sindicatos e os movementos sociais da cidade para definir e activar, antes do 31 de decembro deste mesmo ano, un plan de resposta urxente ante a escalada dos prezos e a redución da oferta de alugueiro.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que “o problema do acceso á vivenda en Vigo continúa a agravarse de xeito moi preocupante”. Segundo os datos recentemente recollidos nun informe publicado por un dos principais portais inmobiliarios, no último ano os prezos dos alugueiros aumentaron un 9,5% na cidade, case catro veces máis que a media galega, de maneira que alugar un piso de 80 metros cadrados xa supera os 950 euros mensuais.
“Son prezos imposíbeis para a maioría social, para as clases populares e traballadoras, e que impiden que a nosa mocidade poida emanciparse e construír o seu proxecto de vida”, denunciou Igrexas. Ao mesmo tempo, a oferta de vivenda para alugueiro continúa a reducirse, con pouco máis de 260 inmóbeis dispoñíbeis, mentres os pisos turísticos e de tempada multiplican por oito esa cifra.
Para o BNG, estes datos evidencian o impacto dunha dinámica especulativa que está a expulsar veciñanza e dificultando o acceso a un fogar. “Queda claro como a especulación segue a engulir o dereito á vivenda”, afirmou o portavoz nacionalista.
Igrexas criticou tamén a falta de resposta das administracións. “Diante desta situación límite, fronte a unha Xunta de Galiza do Partido Popular que se limita a anuncios e selfies nas vivendas de Navia, e un Goberno municipal de Abel Caballero que continúa cruzado de brazos, é urxente dar unha resposta enérxica”, sinalou.
O BNG considera especialmente grave que esta situación se produza nunha cidade na que existen un inmenso parque de vivendas desocupadas. “Non podemos tolerar que centos de familias e de mozas e mozos fiquen sen casa mentres temos en Vigo máis de 22 mil vivendas baleiras”, advertiu Igrexas.
Mesa local e Plan de acción urxente
Por iso, a proposta nacionalista aposta por crear unha Mesa Local polo Dereito á Vivenda que sexa un espazo para acordar medidas concretas, fixar responsabilidades e poñer en marcha unha resposta efectiva.
“Non se trata dun foro para teorizar nin divagar. Ten que ser un instrumento útil e eficaz para sumar esforzos, definir un plan de resposta urxente, con medidas concretas, e poñelo en marcha antes do 31 de decembro deste mesmo ano”, explicou.
O BNG defende que a resposta debe combinar a mobilización da vivenda baleira, o incremento do parque público, a intervención sobre os prezos e a recuperación de vivendas actualmente destinadas a usos especulativos para garantir o dereito efectivo a habitar Vigo.
“Porque Vigo non pode seguir soportando que haxa tantas casas sen xente e tanta xente sen casa”, concluíu Igrexas.

