O CIM de Ribeira organiza uns obradoiros de batch cooking dirixidos a homes e adolescentes maiores de 15 anos

Redacción

 A medida busca avanzar na corresponsabilidade nas tarefas do fogar

O prestixioso cociñeiro Iñaki Bretal impartirá uns obradoiros de batch cooking dirixidos a homes e adolescentes maiores de 15 anos de Ribeira organizados polo Centro de Información á Muller (CIM) e promovidos pola Dirección Xeral de Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e Plan Corresponsables. Os homes participantes poderán ir acompañados por calquera familiar.

As clases desenvolveranse no 24, 25, 26 e 27 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, no primeiro andar do mercado municipal, onde se sitúa a aula de cociña.

É o terceiro ano que se lanzan estes obradoiros de batch cooking co obxectivo de seguir avanzando na corresponsabilidade nas tarefas do fogar con esta acción formativa de balde que versará sobre unha técnica de organización culinaria que consiste en destinar un par de horas dun só día para cociñar e deixar listas as preparacións ou bases das comidas que se consumirán ao longo de toda a semana.

Haberá tamén oco para reflexionar sobre as responsabilidades que asume cada persoa na unidade doméstica.
“Estamos nunha sociedade que avanza cada vez con paso máis firme cara a igualdade real entre mulleres e homes, se ben é certo que hai moitas cuestións que se nos atribúen directamente a nós e son as tarefas do fogar, entre elas, cociñar. Por iso, organizamos estes obradoiros para seguir traballando na corresponsabilidade e orientados a homes e adolescentes, xa que cremos que é preciso educar en igualdade e facelo xa dende idades temperás”, explica a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, na compaña da directora do CIM, Loli Crujeiras. Esta última fixo fincapé en que se contribúe á conciliación, a unha vida máis saudable e máis coparticipativa.

As prazas están limitadas a 12 persoas, polo que se require inscrición previa a partir de mañá, 13 de agosto, no teléfono de contacto 679 306 188 ou a través do código QR que aparece na cartelería da actividade e que redirixe a un formulario en liña:https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSefa9iu4InES8EPb2NMDIhYPXEnrCClAIFuVOFww2wTAL9aRw/viewform?pli=1.

Comparte este artigo