O Concello remitirá ao Ministerio de Transporte un escrito animando a que se aproveite o labor xa realizado en materia de informes sectoriais e traballo topográfico para axilizar o proceso para impulsar un proxecto que cumpra coa proposta que Caldas de Reis presentou en 2007-2008 para o alivio do tráfico no núcleo urbano
O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que o documento foi presentado previamente ás plataformas de afectados e reafirma o seu compromiso de antepoñer os intereses da veciñanza por riba de cores políticas
O Pleno da Corporación de Caldas de Reis aprobou na sesión ordinaria de onte martes, cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención do Partido Popular, o escrito que o Concello remitirá ao Ministerio de Transportes y de Movilidad Sostenible que o organismo estatal corrobore definitivamente a renuncia á execución do estudio informativo da Variante Oeste tel e como foi sometido a información e que aproveite o traballo feito hasta ahora, tendo en conta as alegacións presentadas, para dar un pulo á proposta que defende a sociedade caldense. No documento tamén se incide na necesidade de que a actuación se centre na dotación dalgunha alternativa que enlace a N-500 coa N-640, partindo da base do trazado que xa fora presentada polo Concello nos anos 2007-2008.
Na súa intervención, o alcalde, Jacobo Pérez, lembrou o Pleno aproba este escrito despois de que xa fose remitido ás plataformas de afectados antes da convocatoria da sesión plenaria. “Entendemos que é prioritario que o Goberno central nos confirme por escrito a renuncia a todas as propostas que se presentaron ata o de agora e, sobre todo, que se poida aproveitar o labor xa desenvolto no que a informes sectoriais e traballos topográficos se refire. Do contrario, sería tempo perdido”, apuntou o rexedor caldense, que, unha vez máis, reafirmou o seu compromiso a continuar defendendo os intereses da veciñanza de Caldas de Reis por riba de calquera sigla política. “Non imos permitir que este tema quede no esquecemento e por iso damos traslado deste escrito, cumprindo así coa esixencia que nos traslada a nosa cidadanía”, subliñou. Pérez Gulín tamén destaca a transparencia do Goberno local, que, ademais de facilitar a participación de representantes das plataformas nas reunións mantidas hai meses coa Delegación e Subdelegación de Pontevedra, tamén trasladou os detalles deste escrito antes da convocatoria do Pleno. “Caldas de Reis precisa dunha alternativa para aliviar a situación do tráfico no núcleo, pero ten que ser unha medida que sen tantas afeccións ambientais e que non desvertebre as parroquias nin afecte a vivendas e negocios”, explicou Jacobo Pérez. O alcalde lamentou que o Partido Popular non sumase o seu voto a favor a esta proposta. “É unha mágoa que a oposición xa esté pensando nas eleccións municipais de 2027 e só busque intentar acadar réditos políticos cun tema tan serio coma este”, sinalou, ao tempo que recalcou que “para este Goberno local os intereses dos nosos veciños e veciñas sempre vai estar por diante das cores políticas, como estamos a demostrar neste proceso, algo que o Partido Popular non aplica, tal e como sucedeu coa problemática do CEIP San Clemente, onde o PP de Caldas púxose de perfil por ser unha cuestión da Xunta de Galicia”.
Subvención da Carballeira
Por outra banda, na quenda de rogos e preguntas o alcalde tamén se referiu á renuncia do Concello á subvención correspondente á renovación da Carballeira. Jacobo Pérez lembrou que antes do inicio das obras xa se convocara un Pleno extraordinario para levantar o reparo e permitir que se procedese á contratación das obras. Ademais, fixo mención aos informes técnicos que constatan que a obra non foi rematada en tempo e forma, polo que “por unha cuestión de responsabilidade non imos asumir ese pago. Temos aberto un procedemento para aclarar quen ten a responsabilidade de que non se puidese certificar o remate da obra e, a partires, de aí, acutaremos en consecuencia”.
Pérez Gulín tamén deixou claro que isto non supón unha perda de recursos económicos para o Concello e lamentou que o Partido Popular “actúe a base de electoralismo puro e duro tratando de confundir á veciñanza”.

