O Concello de Carballo impulsa as vendas do comercio local cun programa formativo en “visual merchandising”

Redacción

• A iniciativa, impartida polo experto Mario Szabat, arrancou onte cunha fase teórica grupal e incluirá un asesoramento personalizado posterior

• O obxectivo principal é dotar ao tecido comercial de ferramentas estratéxicas para optimizar a presentación dos produtos, deseñar ambientes atractivos e conectar emocionalmente co cliente

O Concello de Carballo puxo en marcha onte unha nova acción impulsada desde a Concellaría de Promoción Económica e dirixida á modernización, a dinamización e o impulso do sector comercial. Estes son os obxectivos do programa Formación 360, un curso especializado en visual merchandising e estratexias de venda, deseñado especificamente para fortalecer as competencias do persoal de atención ao cliente e comercial dos negocios locais.

A formación corre a cargo do recoñecido especialista Mario Szabat e estrúturase nun formato integral que combina a aprendizaxe colectiva coa consultoría personalizada en cada negocio. Con esta iniciativa, búscase que os comerciantes aprendan a utilizar o espazo de venda como unha ferramenta activa, optimizando a presentación dos produtos para facelos máis desexables e creando ambientes limpos e ordenados que conviden á compra.

Ao longo das vindeiras sesións, os participantes traballarán en tres grandes bloques temáticos pensados para transformar a realidade diaria das tendas carballesas:
• Módulo I: Coñecer o noso punto de venda. Centrado na xestión e distribución estratéxica do mobiliario, o aproveitamento do espazo vertical e horizontal, a implantación do produto e a identificación de “zonas frías e quentes” para maximizar o fluxo de clientes.
• Módulo II: Escaparate. Analizarase o escaparate como o principal elemento de comunicación exterior e como unha ferramenta de venda crucial con capacidade para atraer, persuadir e impulsar a facturación.
• Módulo III: Clientes. Un bloque dedicado en exclusiva á psicoloxía da compra, a avaliación da experiencia do cliente, as estratexias de fidelización a longo prazo e a realización dunha análise DAFO dende a perspectiva do consumidor.

Para garantir o éxito real do programa e que os coñecementos se traduzan en melloras directas nas tendas, o grupo é reducido. A primeira fase, de carácter presencial e grupal, suma un total de 8 horas. Unha vez finalizada esta etapa teórica, realizarase unha sesión individualizada de 4 horas de duración en cada un dos comercios participantes.

Con este tipo de proxectos, o Concello de Carballo revalida o seu compromiso co talento local e coa busca de solucións innovadoras para que o comercio de proximidade sexa un referente en calidade, diferenciación e confianza.

Comparte este artigo