A fronte nacionalista reclama cooperación institucional para ofrecer alternativas dignas ás persoas sen teito e rexeita falsas solucións como fechar o acceso á estación de buses
Denuncia a “repugnante competición entre PP e PSOE por ver quen se desentende antes do problema” e esixe cooperación entre administracións para resolvelo en lugar de “apartalo da vista”
Xabier P. Igrexas: “Atender a quen máis o necesita, botar man a quen o perdeu todo, é o que humaniza de verdade a unha cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe á Xunta de Galiza e ao Goberno municipal de Abel Caballero que abandonen as súas “políticas aporofóbicas” e actúen de maneira coordinada diante da situación das persoas sen fogar que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade na cidade. A fronte nacionalista advirte de que pechar o acceso á estación de autobuses non resolve o problema, senón que simplemente o aparta da vista e deixa as persoas máis vulnerábeis sen alternativa.
“Aporofobia non é só ter odio ou aversión ás persoas empobrecidas. Aporofobia é tamén desprezalas, ignoralas e desatendelas. É tratalas como un problema de seguridade, de limpeza ou de salubridade. É esquecer que estamos a falar de seres humanos, de persoas de carne e óso”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
O nacionalista considera especialmente grave o tratamento que Xunta e Concello están a dar ás persoas que acoden á estación de autobuses para se protexer da intemperie. “O problema non se resolve fechando a estación para que as persoas sen teito non se poidan protexer alí da calor ou da choiva. O problema é que na maior cidade de Galiza teñamos a varios centos de persoas na rúa”, denunciou.
Igrexas cualificou de “absolutamente repugnante” a “competición entre PP e PSOE por ver quen se desentende antes do problema” e reclamou que ambas as administracións deixen de trasladarse responsabilidades e cooperen no exercicio das súas competencias para garantiren “unha saída digna” ás persoas en situación de exclusión.
Neste sentido, lembrou que o BNG propuxo recentemente a creación dun Comité de Emerxencia Social, estruturado en tres mesas: unha institucional, para coordinar Concello e Xunta; unha técnica, encargada de deseñar e aplicar medidas efectivas; e unha social, coa participación das entidades e organizacións que traballan directamente coa poboación empobrecida.
Xustiza social
“As vidas das persoas empobrecidas e excluídas non se prestan a inauguracións nin a grandes selfies propagandísticos, dos que tanto gustan PP e PSOE. Non admiten primeiras pedras nin placas. Pero atender a quen máis o necesita, botar man a quen o perdeu todo, é o que humaniza de verdade a unha cidade”, subliñou Igrexas.
O BNG reclama así un cambio radical de enfoque: pasar de tratar o senfogarismo como un problema de seguridade, limpeza ou orde pública a abordalo como unha cuestión de dereitos sociais. “Desde o BNG esiximos precisamente iso, humanidade, empatía e solidariedade. Porque a pobreza combátese con xustiza social, dando oportunidades a quen as perdeu todas”, remarca Igrexas sinalando que “iso é o que merecen as persoas sen teito que acoden á estación de buses, como todas as que malviven en choupanos, en parques ou en caixeiros da que din que é a mellor cidade para vivir”

