Allariz e Maceda convértense hoxe en Museos efémeros para acoller as danzas e músicas ancestrais de catro continentes

Redacción

As seis agrupacións artísticas amosarán hoxe os seus repertorios folclóricos no Campo da Barreira, capela San Bieito, en Allariz e na Rúa do Toural de Maceda. Ás dúas citas serán ás 22, 30 horas

As actuacións folclóricas gozan do favor do público ourensán, que enche cada noite os distintos escenarios onde actúan  e premia aos grupos con longos aplausos

As citas de mañá terán como destinos o Patio de Colexio de Manzaneda con Ecuador, Serbia e Taiwán e o Parque Preguiza de Verín, que recibirá a Armenia, México e Senegal. Serán ás 22,30 hora

A multiculturalidade enraizada nas tradicións folclóricas que conforman a memoria dos pobos encherá esta noite de música e danza as localidades de Allariz e Maceda. A vistosidade e variedade dos espectáculos que ofrecen os grupos de Armenia, México e Senegal fará vibrar ao público en Maceda. Ecuador, Taiwán e Serbia despregarán sobre o escenario alaricano os sons e os movementos herdados da súa riqueza folclórica.

En cada edición das XLI Xornadas de Folclore as agrupacións artísticas invitadas van cambiando, pero o que sempre permanece, ano tras ano, é a grande expectación coa que o público ourensán espera estes espectáculos, convertendo os encontros no grande evento cultural do verán na provincia. Os espazos cheos para asistir de xeito totalmente gratuíto aos 16 encontros programados son a mellor mostra do interese que despertan as actuacións dos grupos participantes.

Ao longo do tempo xa pasaron polos escenarios ourensáns máis de dez mil artistas procedentes de máis de cen países dos cinco continentes. Cada ano destacan a gran e cálida acollida do público ourensán e a boa organización das Xornadas. Ambas son razóns suficientes para que, dos seis grupos participantes nesta edición, catro (Senegal, México, Serbia e Taiwán) sexan xa vellos coñecidos desta gran cita co folclore do mundo.

Mañá, 14 de agosto:  Verín e Manzaneda

O Festival chegará ao Patio do Colexio de Manzaneda cos grupos de Ecuador, Serbia e Taiwán. Será ás 22,30 horas.

Verín recibirá no Parque Preguiza aos elencos procedentes de Armenia, México e Senegal, ás 22, 30 horas. Tódalas actuacións son gratuítas.

Comparte este artigo