O acto institucional en lembranza de Ánxel Casal vinculará a figura do alcalde republicano coa do ilustrador Camilo Díaz Baliño e contará coa intervención de Pepe Barro

Redacción

Terá lugar o mércores 19 de agosto, ás 12:00 horas no Pazo de Raxoi, e contará coa participación de representantes dos concellos de Santiago, Teo e Arzúa, tres localidades unidas polos últimos momentos da vida de Ánxel Casal e polos lazos históricos que comparten coa súa figura. Tamén están convidadas persoas e entidades vinculadas ao ámbito da memoria histórica.

O 19 de agosto cúmprense 90 anos do asasinato, en Cacheiras, do alcalde republicano de Santiago, Ánxel Casal. Cinco día antes, na estrada de Palas a Melide, fora asasinado o ilustrador e delineante do Concello de Santiago, Camilo Díaz Baliño. Casal e Díaz Baliño compartiron os últimos días das súas vidas presos na Falcona, o cárcere que o franquismo instalou nos baixos do Pazo de Raxoi, mais a súa relación foi moi estreita ao longo das súas traxectorias, tanto no plano político como no persoal e no artístico. Esa relación, e a repercusión no devir cultural e político de Galiza nas primeiras décadas do século XX, centrarán o relatorio que o deseñador Pepe Barro pronunciará o vindeiro mércores no Pazo de Raxoi.

O acto estará encabezado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e honrarase tanto a memoria de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño como a de todas as persoas represaliadas por defender a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos. Como vén sendo habitual, están convidadas persoas e entidades vinculadas ao ámbito da memoria histórica.

Con este recoñecemento, institucionalizado en 2023, o Concello de Santiago reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica e coa posta en valor das persoas que loitaron polos dereitos civís, pola cultura galega e pola construción dun país máis xusto e igualitario. 

Ánxel Casal

Ánxel Casal era o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, mais tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Comparte este artigo