Ribeira exhibirá o talento das alumnas dos talleres artesanais da Asociación Amas de Casa

Redacción

 A inauguración da mostra será no 18 de agosto, no Museo municipal

A Asociación Amas de Casa, coa colaboración do Concello de Ribeira, organiza o sexto Certame Cultural Aires de Dorna que amosa parte do resultado do traballo das súas alumnas nos talleres artesanais e culturais. A mostra inaugurarase no martes, 18 de agosto, ás 13.00 horas, no Museo municipal; instalación na que permanecerá ata o 15 de setembro.

Nesta exposición amosarase bolillos, vainicas, bordado, calceta, manualidades, costura ou pintura realizado polas aproximadamente 200 alumnas que congrega esta entidade exclusivamente nos obradoiros de artesanía ao longo de todo o ano.

Durante o acto de presentación, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, destacou á Asociación Amas de Casa como un exemplo da “fortaleza do tecido asociativo no noso municipio” e puxo en valor un labor que atinxe a moitos ámbitos como o voluntariado ou a cultura, entre outros. A edil tamén enxalzou o compromiso da Administración local ribeirense coa artesanía, pois, a maiores desta mostra, nestes días ten lugar a feira Artemar que recalca o valor do feito á man seguindo a temática mariñeira.

Pola súa parte, a presidenta da entidade, Puri Cores, na compaña da vicepresidenta, María Jesús Pérez, manifestou que o alcance da asociación que preside é “moi amplo” como se constata coas numerosas accións que realizan. Tamén declarou que, con estes talleres artesanais, manteñen viva a tradición dos devanceiros ao seguir a súa estela nas labores manuais, “todo feito á man.” En consecuencia, agradeceu ao profesorado e alumnas a cesión dos traballos para poder amosar unha escolma do resultado en formato de exposición nun espazo como é o Museo municipal, o cal tamén alberga unha colección de bonecas vestidas con traxes tradicionais cedida no seu día pola anterior presidenta, Magdalena Bringas.

Unha vez teña lugar a apertura de dito certame cultural, as visitas poderanse realizar de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, así como os sábados, dende as 12.00 ata as 14.00 horas.

Comparte este artigo