Apego cumpre dez anos en Carballo e medra «de landras a carballos» para acompañar ás familias ata os 12 anos

Redacción

• Máis de 400 familias forman parte xa do programa nacido en Carballo para favorecer a crianza en galego entre os 0 e os 6 anos

• O Concello dá continuidade ao acompañamento coa iniciativa «De landras a carballos», dirixida ás crianzas de 6 a 12 anos e centrada na lingua e na educación en igualdade

Carballo foi hai unha década o punto de partida dun proxecto concibido para acompañar ás familias que queren criar os seus fillos e fillas con apego á lingua galega desde os primeiros anos de vida. Hoxe son xa máis de 400 as familias carballesas que forman parte de Apego, unha cifra que segue medrando e que evidencia que cada vez son máis as persoas que queren facer do galego a lingua da crianza, dos afectos, do xogo e da vida cotiá.

A concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destacou durante a presentación da programación do segundo semestre que Apego mantén intacto o obxectivo co que botou a andar hai dez anos: ofrecer recursos, experiencias e espazos de socialización ás familias con crianzas de 0 a 6 anos que queren medrar en galego.

Pero, neste décimo aniversario, o acompañamento dá un paso máis. A través da iniciativa De landras a carballos, o Concello amplía a proposta á franxa de 6 a 12 anos, para completar deste xeito toda a etapa de Educación Primaria.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, explicou que De landras a carballos é «un programa de acompañamento ás familias que queren educar ás súas crianzas en igualdade e con apego á lingua». A nova liña permite así dar continuidade ao traballo iniciado con Apego, incorporando actividades relacionadas coa igualdade, a prevención do acoso, a ruptura dos estereotipos de xénero ou a visibilización das mulleres na ciencia.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, salientou pola súa banda que esta programación é tamén un exemplo da colaboración entre distintas áreas municipais para desenvolver políticas transversais. «Educar en igualdade e educar en galego non son obxectivos separados, senón dúas maneiras de construír unha sociedade máis libre, máis consciente e máis cohesionada», sinalou. O alcalde puxo en valor a coordinación entre Normalización Lingüística, Servizos Sociais e Igualdade e outras áreas municipais implicadas nunha programación que acompaña as familias ao longo das distintas etapas da infancia.

PROGRAMACIÓN APEGO | Crianzas de 0 a 6 anos

Mércores 16 de setembro
17.00, 17.30, 18.00, 18.30 e 19.00 horas | Mercado municipal | Ata 6 anos
Obradoiro de seguridade viaria
Club Ciclista Carballo e Policía Local
Actividade práctica e divertida para aprender hábitos seguros de mobilidade a través do xogo. As crianzas deberán levar bicicleta, monopatín, patinete, triciclo ou outro vehículo similar para participar nun circuíto no que aprenderán normas básicas de circulación ao tempo que gañan autonomía.
A actividade está incluída na Semana da Mobilidade.

Mércores 7 de outubro
18.00 e 18.30 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | De 1 a 4 anos
O outono entre as mans
Carmen Cambre Blanco
Obradoiro familiar de creación con elementos naturais no que as crianzas poderán experimentar con follas, flores, sementes e outros materiais para realizar composicións inspiradas nas cores e formas do outono.

Mércores 21 de outubro
17.00 e 18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | Ata 4 anos
Tantarantiña
Cris de Caldas
Unha recompilación de pequenos contos, rimas, arrolos e xogos de palabras procedentes da tradición oral, pensados para os primeiros oídos curiosos e para compartir en familia a forza da palabra, o ritmo e o humor.

Mércores 4 de novembro
17.00 e 18.30 horas | Mercado municipal | De 6 meses a 2 anos
Apego en movemento
Valeria García Rey
Unha proposta na que o xogo e a psicomotricidade favorecen o desenvolvemento e o benestar. A través do movemento compartido en familia fortalécense os vínculos afectivos, a comunicación en galego e a confianza nun ambiente seguro e acolledor.

Mércores 18 de novembro
17.00 e 18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | De 3 a 5 anos
Hotel Paraíso
Alba Bermúdez, de Galeatro
Alba conta a historia do seu avó, botóns dun hotel moi especial no que cada cuarto agocha unha emoción: a ira, a alegría, o medo, o noxo… Unha proposta teatral para descubrir, escoitar e nomear aquilo que sentimos.

Mércores 2 de decembro
17.00 e 18.30 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | Ata 5 anos
Pitiminí, concerto para bebés
Davide González e Iria Pinheiro
Un espectáculo sensorial deseñado para a primeira infancia, cunha viaxe musical a través de melodías e sons que estimulan a curiosidade dos bebés nun ambiente seguro e acolledor.

Mércores 16 de decembro
17.00 e 18.00 horas | Mercado municipal | De 2 a 6 anos
Xogando con Apego
Bonecos Animación
Un encontro para compartir en galego tempo de calidade a través do xogo, crear vínculos, facer comunidade e seguir medrando con Apego.

Venres 18 de decembro
A partir das 16.30 horas | Mercado municipal | Ata 6 anos
Nadal con Apego
16.30 horas | Visita do Apalpador, con Anxo Moure
Unha actividade para achegar ás crianzas a figura do Apalpador a través de contos, cantigas e xogos. A visita incluirá o reparto de 300 plantas de carballo.
17.30 horas | Obradoiros de Foliada
Un espazo para que as familias se acheguen ás cantigas e aos bailes tradicionais mediante propostas participativas e divertidas. Participarán agrupacións locais de música e baile tradicional.
18.30 horas | Foliada de Apego
Unha celebración aberta para compartir en familia a música, as cantigas, o baile, as emocións, as lembranzas, a festa e, sobre todo, a lingua nun ambiente de Nadal.

DE LANDRAS A CARBALLOS | Nenos e nenas de 6 a 12 anos
Venres 18 de setembro
18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | A partir de 5 anos
Dámoslle a volta ao conto
Raquel Queizás
Un espectáculo que recupera historias de mulleres valentes, autónomas e revolucionarias e de homes que rompen coa máscara da masculinidade para mostrar a súa sensibilidade. Unha proposta para revisar os contos e os roles tradicionais desde unha mirada igualitaria.

Venres 16 de outubro
18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | De 6 a 11 anos
Pasando a bóla. Xogando para cambiar
A Xanela do Maxín
O xogo dramático convértese nunha ferramenta para explorar posibles solucións ao acoso escolar. Tras a presentación das escenas, o público participa activamente na procura de alternativas, converténdose tamén en axente de cambio.

Venres 20 de novembro
18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | De 7 a 10 anos
Obradoiro Teatro da Oprimida
Marta Ortiz
Exercicios, xogos e técnicas de teatro social para reflexionar sobre as desigualdades de xénero, identificar a violencia de xénero e buscar solucións de maneira activa e colectiva.

Venres 11 de decembro
18.00 horas | Escolas do Xardín Agra de Caldas | A partir de 6 anos
A máquina do tempo das científicas
Trémola Teatro
Contacontos teatralizado que combina igualdade e divulgación científica. A historia xira arredor de Ánxela, unha rapaza que atopa unha máquina do tempo no soto da súa casa e que, grazas a ela, viaxa ao pasado para coñecer mulleres científicas que cambiaron a historia.

As actividades son de balde e requiren inscrición previa a través de carballo.gal, agás as propostas indicadas como de entrada libre.

Comparte este artigo