• O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, achegáronse tanto onte coma hoxe á zona para comprobar sobre o terreo o desenvolvemento das actuacións
• A intervención busca retirar o tapón de area que impide o intercambio de auga entre a lagoa e o océano, mentres se avanza nunha solución estable para garantir a conservación deste espazo natural
Os traballos para recuperar a conexión natural entre a lagoa de Baldaio e o mar xa están en marcha. A actuación, executada pola Xunta de Galicia no marco do protocolo acordado co Concello de Carballo, ten como obxectivo retirar a acumulación de area que bloquea a canle e restablecer progresivamente o intercambio de auga entre a zona húmida e o océano.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, achegáronse tanto onte como hoxe a Baldaio para coñecer de primeira man a evolución dos traballos e manter contacto co persoal que participa na intervención.
A maquinaria está a actuar aproveitando as condicións da baixamar e a propia dinámica das mareas. Nunha primeira fase procédese ao rebaixe da acumulación de area existente para crear unha pendente que facilite a saída progresiva da auga da lagoa. A continuación completarase a apertura da canle ata acadar as condicións necesarias para favorecer de novo un fluxo gradual entre a lagoa e o mar.
Desde o Concello de Carballo continuarase a realizar un seguimento permanente da evolución da intervención e da situación ambiental da lagoa, en coordinación co resto das administracións implicadas.
Daniel Pérez destacou que a posta en marcha destes traballos “é un paso necesario e urxente para recuperar as condicións ambientais de Baldaio, pero o noso obxectivo ten que ir máis alá: precisamos avanzar nunha solución que garanta a conservación da lagoa a longo prazo e evite que situacións coma esta se repitan”.
Pola súa banda, Miguel Vales incidiu na importancia de manter unha vixilancia continuada da resposta do ecosistema tras a reapertura. “Seguiremos moi atentos á evolución da lagoa, á renovación da auga e ao comportamento da canle. Baldaio é un espazo natural dunha enorme importancia ambiental, social e económica para Carballo e require unha actuación coordinada e continuada no tempo”, sinalou.
Un paso previo para unha solución a longo prazo
A intervención que se está a desenvolver estes días responde á situación provocada polo peche da canle de comunicación co océano, que dificulta a renovación da auga da lagoa e favorece o incremento da temperatura e os episodios de falta de osíxeno. Esta situación afecta aos hábitats e especies presentes na zona húmida e tamén compromete a actividade marisqueira tradicional.
Os traballos realízanse adoptando as medidas de seguridade e protección ambiental necesarias e limitando o tránsito da maquinaria ás áreas imprescindibles para reducir ao máximo a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.
A actuación forma parte do protocolo acordado entre as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar e o Concello de Carballo para dar resposta á situación hidroecolóxica de Baldaio.
No reparto de funcións establecido, a Consellería do Mar achega os medios materiais necesarios para as actuacións inmediatas, que se realizan seguindo as especificacións técnicas e baixo a coordinación ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O Concello de Carballo colabora, dentro das súas competencias, nos aspectos operativos e loxísticos necesarios para facilitar a intervención.
Pero o acordo vai máis alá da actuación de emerxencia. As administracións implicadas avanzarán, a través dunha comisión técnica de seguimento, na definición dunha proposta integral e estable de intervención e xestión da lagoa de Baldaio.
O obxectivo é garantir un estado de conservación favorable dos seus hábitats e especies, preservar os aproveitamentos marisqueiros tradicionais e asegurar un uso sustentable dun dos espazos naturais máis valiosos do litoral de Carballo.
Desde o Concello insístese en que a apertura da canle constitúe un primeiro paso imprescindible, pero que será necesario manter a coordinación institucional e o seguimento técnico para avanzar cara a unha solución duradeira para Baldaio.

