Once investigadores e investigadoras achegaron a ciencia a máis de 550 persoas este verán en Carballo

Redacción

Uxía Fernández e Ana Cambón pecharon o ciclo SolxCiencia cunha viaxe do pasado ao futuro do clima nun momento marcado pola seca, as vagas de calor e os incendios

Un total de 11 investigadores e investigadoras, sete delas carballesas, participaron este verán nas actividades de divulgación científica impulsadas polo Concello de Carballo dentro do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0), que nesta ocasión permitiu achegar o coñecemento científico a máis de 550 persoas entre as asistentes ás charlas e as participantes nas actividades infantís.
A programación, incluída no programa da Noite Europea das Persoas Investigadoras, permitiu sacar a ciencia dos ámbitos académicos e levala a espazos moi diversos do municipio, desde Baldaio e Razo ata o Mercado Municipal, os campamentos de verán ou a cafetería Baños Vellos.
O ciclo estival pechouse esta semana con algo máis de 50 persoas na última charla de SolxCiencia, protagonizada por Uxía Fernández e Ana Cambón, que propuxeron unha viaxe do pasado ao futuro para comprender mellor o clima: desde os rexistros naturais que permiten reconstruír a súa evolución ao longo de millóns de anos ata os satélites que hoxe permiten observalo e anticipar determinados fenómenos.
A sesión chegou ademais nun momento no que cuestións como a seca, as altas temperaturas, as vagas de calor ou os incendios ocupan boa parte da actualidade.
A primeira intervención correu a cargo de Uxía Fernández, investigadora vinculada ao grupo GRICA-BIOpast e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña. Baixo o título O clima que ningún satélite viu, introduciu ao público na paleoclimatoloxía, a disciplina que permite reconstruír como era o clima moito antes da existencia de satélites ou estacións meteorolóxicas.
Uxía Fernández explicou que o clima da Terra sempre cambiou e repasou algúns dos factores naturais que provocaron esas variacións ao longo de millóns de anos, entre eles os movementos tectónicos, os cambios nos parámetros orbitais, a actividade solar ou o vulcanismo.
Unha das ideas centrais da súa intervención foi que o que diferencia o cambio climático actual é a súa aceleración, provocada polo aumento dos gases de efecto invernadoiro derivado da actividade humana. O estudo do clima do pasado permite así poñer en contexto a rapidez coa que se está producindo o quecemento actual e comprender mellor fenómenos como as secas, as vagas de calor ou as condicións que favorecen os grandes incendios.
Da mirada ao pasado, SolxCiencia pasou ao presente e ao futuro coa intervención de Ana Cambón Periscal, enxeñeira aeroespacial carballesa que actualmente traballa en Alemaña en EUMETSAT, a Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos.
Na súa charla, titulada De Carballo ao Cosmos, Ana Cambón explicou o seu percorrido persoal e profesional desde Carballo ata o sector aeroespacial europeo e mostrou como os satélites se converteron nunha ferramenta fundamental para coñecer o que ocorre na atmosfera e na superficie terrestre e anticipar determinados fenómenos.
Os datos obtidos por sistemas como Meteosat, o European Polar System ou os Sentinel permiten mellorar a predición meteorolóxica, detectar e seguir treboadas e lóstregos, anticipar choivas intensas e episodios de sarabia, observar incendios e anomalías térmicas ou facer seguimento da vexetación, das secas, das masas de auga e das zonas costeiras. Tamén proporcionan información sobre as ondas de calor, a calidade do aire e a evolución do clima.
As dúas intervencións construíron así un relato complementario: Uxía Fernández mirou cara ao pasado para explicar como evolucionou o clima e por que o cambio actual é diferente, mentres que Ana Cambón levou ao público cara ao presente e ao futuro, mostrando as ferramentas coas que hoxe podemos observalo, medilo e anticipar os seus efectos.
Un verán de ciencia en Carballo
A programación arrincou en xullo en Baldaio e reuniu ao longo destas semanas investigadores e investigadoras de áreas moi diversas, cunha atención especial ao gran fenómeno astronómico deste verán: a eclipse.
Grazas á participación de Isabel Lema Gesto, César González García, Begoña Nicolás Ávila, Borja Tosar e Óscar Blanco Varela, o público puido achegarse á eclipse desde perspectivas científicas tan diferentes como complementarias: a neurociencia e a oftalmoloxía, a arqueoastronomía e a historia, a matemática aplicada e a mecánica celeste, a astronomía observacional e a astrofotografía.
Neste mes de agosto, a ciencia chegou tamén aos máis pequenos a través dos obradoiros de caixas estenopeicas celebrados no Mercado Municipal e das actividades desenvolvidas nos campamentos de verán polas investigadoras locais Xanel Vecino, María Gómez, María Andrade e Olalla Rama.
En total, 11 investigadores e investigadoras, sete delas carballesas, contribuíron a achegar o coñecemento científico a máis de 550 persoas, un balance que permite seguir avanzando na consecución dos obxectivos do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0), programa de investigación e innovación Horizon Europe da Unión Europea baixo o acordo de subvención Marie Skłodowska-Curie Nº 101305375.
A programación deste verán reforza así unha das ideas centrais do proxecto: Carballo tamén produce talento científico e pode converterse nun espazo de encontro entre a investigación e a cidadanía, para facer visible o traballo de persoas investigadoras da contorna e achegar a ciencia dun xeito próximo, comprensible e conectado coa actualidade.

Comparte este artigo