Trátase dunha medida orientada a menores de familias en situación de vulnerabilidade
Unha trintena de rapaces e rapazas participa no programa de reforzo educativo a menores de familias usuarias do Departamento de Servizos Sociais cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027. O alumnado divídese en tres grupos ao comprender varios cursos escolares: 6º de Primaria e 1º, 2º e 3º da ESO.
O proxecto Saberes impártese dende finais do mes de abril nas aulas da rúa Cristóbal Colón, cun total de 400 horas distribuídas ao longo
de todo un ano natural. O alumnado divídese en tres grupos ao comprender varios cursos escolares: 6º de Primaria e 1º, 2º e 3º da ESO. Ata o lugar desprazouse o concelleiro de Servizos Sociais,
Vicente Mariño, para comprobar o desenvolvemento deste programa agora que a rapazada xa leva uns meses asistindo ás clases, incluso, durante o período vacacional.
“Dende o Concello de Ribeira seguimos dando pasos en materia de servizos sociais para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía, facendo especial fincapé naquelas en situación de vulnerabilidade. A docente que imparte as clases deste programa leva dous anos colaborando co Departamento de Servizos Sociais a través do proxecto Alfabetización para alumnado migrante recentemente chegado, no verán, e, neste 2026, fusionáronse ámbalas actividades e o alumnado migrante inclúese dentro do reforzo”, en palabras de Mariño. Así mesmo, o edil quixo agradecer e destacar a cesión de material didáctico por parte do gabinete de psicoloxía Espazo Aberto co fin de mellorar as prestacións.
A finalidade destas clases de reforzo é apoiar o rendemento académico da rapazada, así como as súas perspectivas laborais futuras adaptando a intervención á idade, nivel madurativo e necesidades específicas do alumnado. Trátase, polo tanto, de combater as consecuencias do risco de exclusión social mediante a promoción do éxito educativo, prevendo o abandono escolar e facilitando que o alumnado obteña o título da ESO; unha titulación clave para romper o círculo da vulnerabilidade e abrir camiños cara a inclusión sociolaboral.
Entre os obxectivos específicos figuran o reforzo das competencias curriculares básicas; a promoción de hábitos de estudo e organización persoal; o fomento do desenvolvemento de habilidades socioemocionais; ou a promoción da igualdade de xénero.
Para tal fin, este programa conta con tres fases: diagnose e recollida de información a través de reunións co contexto escolar e familiar; intervención directa mediante a elaboración de plans de traballo individualizados e avaliación continúa mediante coordinación co contexto escolar, familiar e Servizos Sociais.

