A fronte nacionalista considera “inxustificada” unha nova suba xeneralizada nas taxas após deixar o Goberno municipal 150 millóns de euros sen gastar o pasado ano
Xabier P. Igrexas: “É momento de aplicar medidas para reducir a presión daquelas familias e fogares que teñen menos ingresos, facendo que quen menos ten menos pague”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a conxelación de todos os impostos e taxas municipais en Vigo de cara ao vindeiro ano 2027. A fronte nacionalista vai trasladar esta demanda ao alcalde, Abel Caballero, para evitar unha nova suba xeneralizada, como as rexistradas nos últimos anos, e para enfrontar o actual contexto de carestía dos prezos e de empobrecemento dos salarios.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu aplicar unha fiscalidade municipal “socialmente xusta” diante das crecentes dificultades económicas en cada vez máis fogares de Vigo por causa da escalada da inflación. Un alza dos prezos que, sinalou, encareceu a cesta da compra ou recibos como o da luz até nun 4,1% en Galiza.
Igrexas subliñou que no debate sobre impostos a “cuestión chave é quen os paga e canto paga”. Por este motivo, chamou a aprobar medidas para reducir a presión das familias e fogares con menos ingresos a través de novas exencións e bonificacións por tramos de renda. “Facendo que quen menos ten, menos pague”, resumiu.
Nova suba dos impostos inxustificada
Para o portavoz municipal do Bloque sería “inxustificada” unha nova suba xeneralizada das taxas municipais en 2027 por parte do Goberno de Caballero diante do músculo económico e financeiro do Concello. “Non ten sentido que os impostos contribúan a facer aínda máis difícil a vida da veciñanza”, advertiu, aludindo ao elevado ningún de inexecución orzamentaria dos últimos exercicios que se traduciu en “centos de millóns sen retornar á cidadanía en forma de mellores servizos ou dotacións”.
Só no pasado ano, o Goberno local deixou sen gastar 150 millóns de euros, unha cifra que, segundo as previsións no que vai de curso, pode ser aínda maior neste 2026. “Pode que con salarios como o do alcalde, de máis de 75.000 euros, ou como os do seu goberno, por acima dos 65.000, isto pareza unha cuestión menor, pero na inmensa maioría dos fogares cada euro conta”, remachou Igrexas.

