Chama a un acordo entre os Gobernos galego e español para despregar un Plan de Dinamización integral, con actuacións estruturais nos accesos, a conexión directa de bus coa cidade, a apertura 24 horas e a modernización tecnolóxica da terminal
Xabier P. Igrexas: “Sen compromisos firmes e sen financiamento adecuado seguiremos a perder oportunidades mentres outros aeroportos avanzan”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama melloras de maior alcance en Peinador ante o anuncio de Aena do arranxo dos accesos interiores ao aeroporto de Vigo. O seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, cualificou este mércores de “necesaria pero insuficiente” a actuación prevista pola entidade xestora e advertiu de que esta “non vai resolver o problema de fondo” na terminal viguesa.
“Peinador non precisa parches nin migallas, senón unha aposta estratéxica con luces longas que garanta o seu futuro e desenvolva as súas inmensas potencialidades como infraestrutura chave para Vigo, a súa área metropolitana e o conxunto do sur de Galiza”, defendeu Igrexas. Unhas demandas que, lembrou, veñen sendo reclamadas de forma reiterada pola fronte nacionalista no Congreso, no Parlamento galego e no Concello.
Dende o BNG insistiron na necesidade de que o Goberno estatal e a Xunta de Galiza “sumen forzas e investimentos” para poñer en marcha un Plan de Dinamización integral na terminal aeroportuaria de Vigo. “É momento de superar as miras curtas e abandonar a inútil confrontación partidista para actuar en chave de cidade”, subliñou o portavoz municipal do Bloque.
Propostas de mellora do BNG
A proposta nacionalista inclúe melloras estruturais nos accesos a Peinador fronte á actuación anunciada por Aena, que se limita aos viais interiores. E tamén medidas para potenciar a terminal viguesa como a mellora da conexión intermodal, coa demanda dunha conexión directa por bus, “toda vez é incomprensíbel que Vigo estea mellor conectada con Sá Carneiro no Porto que co seu propio aeroporto”.
Aliás, o Plan de Dinamización integral proposto polo BNG aposta pola apertura 24 horas da terminal, polo avance da súa modernización tecnolóxica e polo aproveitamento real do seu potencial para o transporte de mercadorías. “Vigo exixe e merece un Peinador plenamente operativo, competitivo e ao servizo do desenvolvemento económico e social da maior cidade de Galiza”, defendeu Igrexas.
O portavoz municipal do Bloque alertou de que, sen estes compromisos firmes e sen financiamento adecuado por parte de ambas as administracións, Peinador seguirá a “perder oportunidades mentres outros aeroportos avanzan”.

