A Administración local anuncia rondas por parte da Policía local
O Concello de Ribeira informou a comezos do mes de agosto dunha serie de restricións no uso da auga procedente da rede municipal debido á falta de chuvia e ao alto consumo no verán. En consecuencia, a Administración local procedeu a inutilizar as duchas das praias e limitar o regadío das zonas verdes.
No que atinxe á veciñanza, o Concello fai fincapé na necesaria implicación cidadá para, entre todos, facer un consumo responsable da auga e a revisión de posibles fugas para non desbotar un ben de primeira necesidade. Por iso, establécense unha serie de recomendacións domésticas como regar os xardíns nas horas de menor evaporación da auga durante o tempo imprescindible e, a maiores, aplícanse restricións do uso da rede municipal para o recheo de piscinas, o lavado de vehículos e a utilización de lavapés e duchas nas praias. Se ben a Administración local inhabilitou este servizo, detectouse que en moitos lugares a xente accedeu ás billas para volver a ter operativas as duchas, polo que se reitera a cooperación de tódalas partes.
Por todo isto, a Policía local estará facendo rondas vixiando que se cumpran as medidas referidas e, ata novo aviso, apélase á colaboración cidadá para evitar chegar a futuros cortes de auga máis severos debido a que as reservas de auga están baixo mínimos.
Así mesmo, infórmase á industria de que consuman expresamente a cantidade de auga necesaria para non parar a súa actividade.

