Daniel Martín: O mal funcionamento da EDAR non só está a crear unha desfeita ambiental, senón tamén multiples problemas á veciñanza
O BNG denuncia firmemente o abandono absoluto que sofre a EDAR de Meira e o río Gallo, con verteduras fecais directas ao río, provocando unha masiva mortalidade de peixes, ademais dun fedor insoportable que chega ao interior das casas a calquera hora do día, con independencia da época do ano. Esta situación fai que a calidade de vida das veciñas e veciños caia en picado, polo que a veciñanza xa non pode soportar por máis tempo esta deprorable situación e esixe e merece unha solución urxente e definitiva.
A orixe deste grave problema non é otro que:
- A falta de mantemento: Mentres os operarios do Concello se encargaron da planta (con máis vontade que medios), non houbo problemas graves. Foi xubilarse este persoal e comezar o caos.
- O abandono estrutural da EDAR: O Goberno local quere botarlle a culpa á seca ou á falta de caudal, pero a realidade é que a depuradora non funciona por falta de supervisión e investimentos.
As consecuencias do desleixo do goberno municipal son claras: dana a nosa fauna fluvial, prexudica a saúde pública e séguenos costando moitos cartos en forma de sancións ambientais.
Por todo isto esiximos ao Goberno de Cuntis que asuma dunha vez por todas as súas competencias, repoña de inmediato persoal cualificado para o mantemento da EDAR e execute as melloras necesarias para frear este desastre ecolóxico.
“Desde BNG non imos tolerar máis parches ante un problema que pon en risco a saúde pública, o noso medio natural e que segue a xerar sancións económicas para o municipio pola súa deficiente xestión ambiental”, afirmou o portavoz municipal, Daniel Martín.

