A fronte nacionalista solicitará ter acceso a todos informes técnicos sobre as perdas na rede, ás actas do Comité de Seguimento da Seca e ás comunicacións aos grandes consumidores para coñecer as medidas adoptadas polo Goberno municipal
Rexeitan que PSOE e PP sigan utilizando a auga como “arma arreboladiza na súa permanente lea partidista” e esixe que Xunta e Concello cooperen para garantir o subministro
Xabier P. Igrexas: “O que precisan as viguesas e vigueses é rigor, responsabilidade e medidas preventivas ante o atraso cíclico das choivas, non máis trincheiras nin propaganda electoralista”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama ao Concello de Vigo e á Xunta de Galiza que abandonen a súa confrontación partidista arredor da situación de seca e cooperen para garantir o subministro de auga potábel á cidade e á súa área. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advirte de que “a auga non pode ser unha arma arreboladiza na permanente lea partidista entre PP e PSOE” e demanda “rigor, responsabilidade e medidas preventivas” fronte ao atraso cíclico das choivas.
Igrexas considera imprescindíbel que o Concello ofreza información verificábel sobre a situación da rede de abastecemento. Por este motivo, o BNG solicitará formalmente acceso “a todos os informes técnicos dos que dispoña sobre o nivel de fugas na rede de abastecemento”, ao considerar esta unha cuestión “absolutamente chave” para coñecer con precisión a situación e adoptar medidas de aforro e eficiencia. “Fronte as declaracións cruzadas duns e doutros demandamos datos concretos e verificados”, remarcou.
A fronte nacionalista tamén pedirá as actas de todas as xuntanzas celebradas polo Comité de Seguimento da Seca que, segundo anunciou o alcalde, foi constituído o pasado 7 de xullo. O obxectivo é coñecer que medidas se teñen analizado e acordado desde ese órgano e comprobar a súa aplicación efectiva.
Grandes consumidores
Do mesmo xeito, o BNG reclamará información sobre se o Concello enviou ou non comunicacións aos grandes consumidores para reducir os usos intensivos de auga na industria e nas actividades económicas. Igrexas lembra que esta medida xa foi adoptada en agosto de 2022, cando Eiras se atopaba vinte puntos por riba da capacidade actual, e tamén en outubro do pasado ano.
“O que precisan os vigueses e viguesas é rigor, responsabilidade e medidas preventivas ante o atraso cíclico das choivas, non máis trincheiras nin propaganda electoralista”, afirma o portavoz municipal do BNG.
Neste sentido, o Bloque insiste en que Concello e Xunta deben deixar atrás as acusacións cruzadas e sentar a cooperar para garantir o abastecemento. “Menos polémicas arredor do problema e máis xestión para ofrecer solucións”, reclama Igrexas.

