O BNG de Vigo esixe actuacións do Goberno local ante os incumprimentos laborais na contrata de zonas verdes

Redacción

O portavoz municipal do Bloque reclama unha investigación e que se estude a adopción de sancións contra a empresa, tras manter unha xuntanza con representación sindical

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que a política de barra libre de Caballero coas grandes contratas privadas se traduza nunha continuada vulneración de dereitos laborais”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe actuacións do Goberno local ante os incumprimentos laborais denunciados na empresa concesionaria de mantemento de zonas verdes de Vigo. O seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, reclama iniciar unha investigación e garantías do Concello para que se respecte o convenio, tras constatar estas eivas nunha xuntanza con representación sindical.

Igrexas asegurou que a UTE Acciona-Mantén, participada por Civis Global, está a vulnerar os acordos laborais facendo contratacións en novas vacantes sen respectar as listas. A ese respecto, considerou de “enorme gravidade” que a empresa estea a “marxinar” o persoal a tempo parcial con queda de tarde no acceso a prazas indefinidas, malia estar pactado en mediación laboral.

Igrexas sinalou que o Concello de Vigo, como titular do servizo, ten a obriga legal de velar polo cumprimento dos dereitos laborais, como se recolle nos artigos 201 e 211 da Lei de Contratos do Sector Público. Por este motivo, esixiu que o Goberno local investigue os incumprimentos e estude a adopción de sancións contra a empresa chegando, se procede, a resolver o contrato. “As condicións laborais son esenciais na execución do servizo público”, afirma.

O portavoz municipal do BNG criticou nese sentido a “permanente política de barra libre” do Goberno de Abel Caballero coas grandes contratas privadas, que representan 2 de cada 2 euros do gasto do Concello. “Non podemos tolerar que se traduza na continuada vulneración de dereitos laborais”, defendeu.

Sobre o servizo, lembrou que a concesionaria de mantemento de zonas verdes vén de recibir unha nova licitación por valor próximo aos 70 millóns de euros para os vindeiros cinco anos. Un contrato no o que, afeou, o propio Goberno local “presumiu” recentemente de melloras relativas aos traballadores e traballadoras.

Aspectos escuros na xestión

Igrexas avanzou tamén que o BNG conta con información que apunta a “aspectos moi escuros e irregularidades” na xestión do servizo por parte da UTE Acciona-Mantén que, de corroborarse, suporían “abertas ilegalidades”. Sobre as mesmas, a fronte nacionalista está a realizar unha “fiscalización moi estrita e en profundidade” para a que solicitará unha importante cantidade de información e documentación aos servizos municipais diante da “inacción cómplice do Goberno de Caballero, que sempre prefire ollar para outro lado”.

Comparte este artigo