O alcalde, Jacobo Pérez, supervisou o estado da actuación, que conta cun orzamento superior aos 760.000 euros
Logo da dotación das canalizacións de servizos básicos xa se poderá empezar a habilitar o novo empedrado, dentro dunha liña de actuación que servirá para mellorar a mobilidade peonil e garantir a accesibilidade universal nunha zona clave para o casco urbano, polo que pasa o Camiño Portugués
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, pasou revista ao avance da reforma integral que o Concello impulsou no Campo da Torre, un dos enclaves máis importantes do casco urbano da vila e que forma parte do Camiño Portugués. O rexedor incidiu na importancia deste proxecto, que “marcará un antes e un despois tanto para as persoas residentes como para os negocios da zona” e que conta cun orzamento que supera os 760.000 euros. A Administración municipal achega uns 200.000 aproximadamente, mentres que o resto da contía finánciase a través de fondos do Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
Os traballos deron comezo mediada a primavera e están sendo executados pola empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Portela. Tal e como puido constatar o alcalde, as tarefas de dotación das novas canalizacións e tubaxes de servizos están case finalizadas.
“As redes de fecais e de abastecemento están instaladas e agora mesmo estanse a instalar as de subministro eléctrico e telecomunicacións”, sinalou Pérez Gulín, que sinalou que, una vez completada esta etapa da actuación, xa se poderá a empezar a dotar do novo empedrado á superficie. A obra afecta a unha extensión de máis de 2.500 metros cadrados. O rexedor caldense expresou o seu agradecemento á veciñanza e aos responsables dos negocios existentes en Campo da Torre pola comprensión e paciencia que están a amosar nestes meses. Cómpre lembrar que o Concello informou a residentes, hostaleiros e comerciantes dos detalles da actuación antes do seu inicio. Ademais, habilitouse un dispositivo especial para permitir o acceso a garaxes e propiedades durante as obras. “En todo momento o noso obxectivo é facilitar, dentro do posible, a convivencia dos traballos co día a día da veciñanza e a actividade dos negocios”, explicou Jacobo Pérez. “Somos conscientes das molestias que se poden producir, pero estamos a falar dunha obra que vai garantir o futuro dun emprazamento tan importante como o Campo da Torre para os vindeiros 80 anos”, garantiu.
Esta rehabilitación contempla a mellora e renovación de servizos básicos, así como a implantación de medidas para mellorar a mobilidade peatonal e facilitar a accesibilidade universal.

