A fronte nacionalista iniciará unha ampla rolda de contactos cos movementos sociais, asociacións e entidades e recollerá propostas, demandas e ideas da cidadanía a través do seu sitio web e das redes sociais
Denuncia que Caballero pretende elaborar as contas “desde a xordeira autoritaria” e advirte de que a cidade rematará 2026 con máis de 160 millóns de euros sen executar do actual orzamento
Xabier P. Igrexas: “Os cartos do Concello non son do alcalde, son de todas as viguesas e vigueses e deben orientarse a atender as necesidades reais da cidade decidindo entre todas e todos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo porá en marcha de maneira inmediata unha ‘consulta veciñal aberta’ para recoller propostas, demandas e suxestións de cara á elaboración dos orzamentos municipais de 2027. A iniciativa incluirá unha ampla rolda de contactos co tecido asociativo e permitirá que a cidadanía traslade as súas achegas a través das redes sociais e do sitio web da organización nacionalista (www.bng.gal/vigo), co compromiso de recollelas e formalizalas como emendas ás contas municipais.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defende que os orzamentos do Concello deben responder ás necesidades do conxunto da cidade e non funcionar como “as contas de Abel Caballero e do Grupo Municipal Socialista”. Neste sentido, reclama que os recursos municipais se orienten a poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias e a abordar os principais problemas de Vigo, nomeadamente a mellora substancial do transporte público e o acceso social á vivenda.
“Os cartos do Concello non son do alcalde, son de todas as viguesas e vigueses e deben orientarse a atender as necesidades reais da cidade decidindo entre todas e todos”, afirmou Igrexas, que advertiu de que Vigo non pode permitirse que os orzamentos de 2027 se elaboren, unha vez máis, “desde a xordeira autoritaria e en réxime de monólogo”. Para o portavoz nacionalista, a participación cidadá debe formar parte da decisión sobre o destino dos recursos públicos. “Democracia é moito máis que votar cada catro anos”, subliñou.
A iniciativa do BNG pretende dar voz aos movementos sociais, entidades, asociacións e veciñanza diante dun Goberno municipal ao que Igrexas acusa de negarse a dialogar. “Diante dun Goberno municipal que se nega a escoitar queremos facer ouvir a voz dos movementos sociais e da cidadanía para decidirmos, xuntas e xuntos, que orzamentos municipais necesita Vigo”, sinalou.
Conto da leiteira
O portavoz municipal nacionalista cuestionou tamén a distancia entre os anuncios do Goberno de Abel Caballero e a súa execución efectiva. Segundo advirte, cos actuais niveis de execución orzamentaria, o Concello podería concluír 2026 con máis de 160 millóns de euros sen gastar, superando a cifra de inexecución rexistrada en 2025.
“O conto da leiteira non pode seguir sendo o modelo orzamentario de Vigo. Deixar ducias de millóns de euros do presuposto municipal sen gastar é unha absoluta estafa política á veciñanza”, denuncia Igrexas, que considera que a inexecución non representa aforro nin eficiencia, senón “a evidencia incontestábel do desgoberno e falla de xestión de Abel Caballero”. Nese sentido, acusou o rexedor de ofrecer “moitos anuncios, moitas infografías e algunhas maquetas vistosas, pero que á hora da verdade quedan reducidas a fume”.
O BNG reclama así unhas contas municipais realistas, executábeis e vinculadas a resultados concretos. “De nada serve que o alcalde presuma cada ano dos orzamentos máis altos da Historia se estes, pola súa incapacidade política, non se fan realidade en forma de investimentos, dotacións e a mellora dos servizos públicos”, criticou.
“As viguesas e vigueses merecen uns orzamentos municipais de toda a cidade e para toda a cidade”, concluíu Igrexas, defendendo unhas contas que permitan avanzar cara a un Vigo “máis habitábel, sustentábel, xusto e igualitario”.

