Esta adquisición será posible grazas a unha subvención da Xunta de Galicia
O incremento dos espazos redunda na necesidade de máis material, se ben se reutilizará gran parte do existente
Logo de finalizar a rehabilitación integral da casa consistorial de Ribeira ao abeiro da convocatoria do ano 2022 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP 1) dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o Concello saca a licitación a adquisición de novo mobiliario que permita un avance na accesibilidade fronte ao anterior e acorde ás prestacións nas novas dependencias que redundarán nunha mellor atención á cidadanía; unha compra que será posible grazas a unha subvención da Xunta de Galicia para o reforzo dos equipamentos municipais nas Administracións locais no desempeño do seu servizo público.
Se ben se reutilizará gran parte do mobiliario existente, o feito de dispoñer de máis espazo redunda na necesidade de incorporar máis de 230 novos elementos entre cadeiras, mesas e armarios. O prazo máximo para o subministro do material será de 15 días dende a firma do contrato.
O orzamento base de licitación é de 50.603,41 euros, IVE incluído, financiados por dita achega. As empresas interesadas dispoñen ata as 23.59 horas do 8 de outubro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

