O BNG reclama a residencia nas Saíñas e advirte: “As persoas maiores non poden ser illadas no medio do monte”
Luís Pérez: “O PP debe rectificar, deixar de poñer escusas e aproveitar o traballo xa realizado para que a residencia poida ser unha realidade canto antes”
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira saíu hoxe novamente á rúa para informar á veciñanza sobre a situación da residencia pública de maiores e defender que o proxecto se manteña no lugar das Saíñas, onde xa se investiron máis de 800.000 euros de fondos públicos.
Durante o reparto informativo, membros do BNG trasladaron á veciñanza as razóns polas que As Saíñas continúa sendo a localización máis adecuada para esta infraestrutura e reclamaron ao Goberno municipal do Partido Popular que rectifique a súa decisión de “levar a residencia ao monte” en San Roque.
O exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, denunciou tamén a negativa da alcaldesa, María Sampedro, a convocar o pleno extraordinario e monográfico solicitado conxuntamente polo BNG, PSdeG e os concelleiros non adscritos para abordar o futuro da residencia. A sesión debía terse convocado pero ela desafiou a lei e, finalmente, será o secretario municipal quen formalice a convocatoria.
“É fundamental que este asunto se debata no pleno e que a veciñanza poida coñecer toda a información. Estamos falando dunha infraestrutura fundamental para Ribeira e para o conxunto da comarca, e o que non pode facer o o PP é cambiar a localización, tirar pola borda o traballo realizado e os cartos investidos e obrigar a comezar practicamente de cero sen dar explicacións”, sinalou Pérez Barral.
O portavoz nacionalista considera especialmente grave que se pretenda abandonar unha parcela na que xa se executaron investimentos por máis de 800.000 euros. “Non podemos tirar ao lixo 800.000 euros de cartos públicos. Ese diñeiro é de todos os veciños e veciñas e foi investido para facer posible unha residencia pública que Ribeira leva anos reclamando”, afirmou.
As Saíñas: localización accesible e conectada
As Saíñas reúne condicións especialmente axeitadas para acoller a residencia. Trátase dun espazo plano e accesible, con conexión co transporte público e situado nunha contorna próxima ao núcleo urbano, ao paseo marítimo e á praia de Coroso.
“Estamos falando dun lugar no que as persoas maiores poderían ter unha vida máis autónoma, recibir visitas con facilidade, saír ao exterior e manter o contacto coa súa contorna. Unha residencia non debe ser simplemente un edificio onde vivir: ten que ser un espazo integrado na vida de Ribeira”, explicou Pérez Barral.
Pola contra, o BNG alerta das dificultades de accesibilidade e conexión que presenta a alternativa de San Roque, así como da necesidade de completar novos trámites administrativos antes de poder poñer os terreos á disposición da Xunta. “A día de hoxe non hai parcela, nin cartos consignados nin proxectos para a nova residencia. Non hai nada despois dun ano de goberno do PP” recriminou Barral.
As mentiras do PP ao descuberto
O Bloque lembra ademais que a Xunta xustificou no seu momento a paralización do proxecto das Saíñas facendo referencia a supostos cambios normativos estatais relacionados coas zonas inundables. Porén, a resposta do Goberno do Estado coñecida en abril de 2026 confirmou que non existe ningunha modificación normativa estatal que impeda a construción da residencia nesa parcela.
“As mentiras quedaron ao descuberto. Dixéronnos que había unha normativa estatal que impedía construír nas Saíñas e o propio Goberno do Estado confirmou que esa modificación non existe. Agora o PP pretende cambiar a localización e trasladar a residencia ao monte, pero non explica por que temos que renunciar a un proxecto no que xa se investiron 800.000 euros”, denunciou Barral.
O portavoz do BNG considera que “as persoas maiores merecen estar integradas, non illadas”
Durante o reparto informativo realizado hoxe, o BNG trasladou tamén á cidadanía a súa preocupación polo impacto que tería para as persoas usuarias unha localización afastada e sen conexión directa co transporte público.
Pérez Barral insistiu en que “as persoas maiores merecen respecto, merecen coidados dignos e merecen estar integradas na súa comunidade”.
“Non queremos que as persoas maiores de Ribeira sexan tratadas como se só precisasen un edificio. Precisamos unha residencia pública que estea conectada coa vila, co transporte, co paseo, co mar e coa vida diaria das familias. As nosas persoas maiores merecen poder saír, recibir visitas e sentirse parte de Ribeira”, afirmou.
O BNG asegura que continuará reclamando que a residencia se constrúa nas Saíñas e que se aproveite todo o traballo realizado ata o momento para evitar novos atrasos e gastos innecesarios.
“O Partido Popular aínda está a tempo de rectificar. Que non tire 800.000 euros ao lixo, que non obrigue a comezar de novo e que non ille as nosas persoas maiores. Nas Saíñas temos unha oportunidade para facer realidade unha residencia pública moderna, accesible e integrada na vida de Ribeira. Dende o BNG imos seguir traballando ao lado da veciñanza para que así sexa”, concluíu Luís Pérez Barral.

