A fronte nacionalista reclama que o PP cumpra a súa promesa desde 2009 de dotar a cidade cunha nova residencia pública, aumente o número de prazas de centro de día e recursos intermedios como vivendas comunitarias e asistidas
Xabier P. Igrexas: “Vigo precisa unha rede pública de atención ás persoas maiores e dependentes que responda ás necesidades reais da cidade, non falsos parches nin recursos que non se adecúan ao perfil das persoas usuarias”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo defenderá no vindeiro Pleno municipal reclamarlle á Xunta de Galiza que poña fin ao “abandono institucional” das persoas maiores e dependentes da cidade e despregue os recursos necesarios para garantir unha atención adecuada.
A través dunha emenda á moción sobre residencias púbicas, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defende que o Pleno acorde tres demandas concretas: que o Goberno galego comprometa nos seus orzamentos para 2027 os recursos necesarios para construír, como mínimo, unha residencia de maiores de titularidade e xestión integramente pública; que incremente as prazas públicas de centro de día e cree recursos intermedios, como vivendas comunitarias e asistidas; e que abandone o modelo de uso compartido de centros residenciais cando este implique mesturar perfís asistenciais diferentes.
Unha residencia pública á espera desde 2009
A fronte nacionalista reclama que a Xunta efectivice a promesa reiterada desde 2009 de dotar Vigo dunha residencia pública de maiores, para alén da anunciada pola Fundación Amancio Ortega. Neste sentido, a emenda do BNG esixe que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2027 inclúa “unha partida con dotación económica suficiente” para elaborar e executar o proxecto dunha residencia de maiores, remarcando que a mesma debe ser de titularidade e xestión integramente pública.
“Vigo non pode continuar sen prazas públicas de residencia de maiores mentres a Xunta leva anos reiterando promesas que nunca se concretan. O que reclamamos é un compromiso orzamentario real, que convirta unha promesa electoral incumprida nos últimos 17 anos nun proxecto de verdade”, sinala Igrexas.
Máis recursos antes da residencia
O BNG considera ademais necesario superar unha concepción da atención ás persoas maiores e dependentes baseada unicamente no recurso residencial. Por iso, propoñen demandar á Xunta o despregamento de recursos adicionais, nomeadamente o aumento das prazas públicas de centro de día e a creación de recursos intermedios como vivendas comunitarias e asistidas.
“Precisamos unha rede pública diversificada, que permita ofrecer respostas diferentes segundo as necesidades e o grao de autonomía de cada persoa. Os centros de día e as vivendas comunitarias e asistidas son recursos fundamentais para garantir unha atención adecuada e evitar que a residencia sexa a única alternativa”, explicou o portavoz municipal nacionalista.
Atención específica
A terceira cuestión que formula o BNG atinxe ao modelo de atención nos centros residenciais. A emenda insta a Xunta a desistir do que cualifica como “fracasado modelo de forzar o uso compartido” de centros como o CRAPD de Vigo, mesturando persoas maiores e dependentes con persoas, mesmo menores de 65 anos, con trastornos psiquiátricos, de adiccións ou de conduta e que están a provocar reiterados incidentes e problemas convivenciais.
Para o BNG, a atención de colectivos con necesidades diferentes debe contar con medios, recursos e dotacións diferenciadas e responder a criterios técnicos de adecuación do recurso ao perfil asistencial, tal e como tamén veñen reclamando as organizacións sindicais.
“Non se pode pretender resolver conxuntamente realidades asistenciais diferentes metendo nun mesmo recurso persoas con necesidades completamente distintas. A atención ten que estar determinada polo perfil da persoa e polas súas necesidades, e iso require medios específicos, recursos diferenciados e persoal suficiente”, defende Igrexas.
A fronte nacionalista considera que a Xunta debe asumir a súa responsabilidade e deixar de abordar as necesidades das persoas maiores e dependentes desde a improvisación, falsos parches e a insuficiencia de recursos.
“Falamos de persoas, dos seus dereitos e da súa calidade de vida. Vigo precisa unha política pública de atención ás persoas maiores e dependentes á altura das necesidades da cidade, con máis recursos, máis diversidade de alternativas e unha rede pública que garanta unha atención digna e adecuada”, remachou o portavoz municipal do BNG.

