A visita ao barrio periurbano permitiu coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza e abordar medidas para mellorar a súa conexión cos servizos e co resto da cidade
Os residentes alertaron dos problemas que provocan as denominacións confusas e a numeración dalgunhas vías á hora de recibir correo e paquetería, solicitar un taxi ou localizar unha vivenda mediante un navegador
“Castelo ten unhas características moi particulares e cuestións tan sinxelas como identificar unha vivenda acaban xerando problemas no día a día. Queremos revisar esta situación coa veciñanza e buscar unha solución práctica”, afirmou Fernández
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, comprometeuse coa veciñanza de Castelo a impulsar unha revisión da nomenclatura e numeración das rúas e camiños do barrio para facilitar a correcta identificación das vivendas e mellorar a súa conexión cos servizos e co resto da cidade. Fernández visitou a zona acompañado polos concelleiros e concelleiras Ana González Abelleira, Jorge Bustos, Waldir Sinisterra e Eugenia Iglesias, nun encontro no que coñeceron sobre o terreo diferentes necesidades do barrio.
“Castelo ten unhas características moi particulares e cuestións aparentemente sinxelas, como identificar correctamente unha vivenda, acaban xerando problemas no día a día. Queremos revisar esta situación coa veciñanza e buscar unha solución práctica”, explicou Miguel Fernández.
Durante a visita, os residentes trasladaron as dificultades que provoca a actual denominación dalgunhas vías, con nomes que poden confundirse cos doutras zonas da cidade ou que figuran nos mapas como prolongacións de rúas coas que non teñen unha continuidade clara. É o caso, segundo explicaron, do Carril das Flores. A isto engádense problemas coa numeración das vivendas que poden dificultar aínda máis a súa localización.
Esta situación ten consecuencias moi cotiás. A veciñanza explicou que pode complicar a recepción de correo ou paquetería, a chegada dun taxi ou a utilización de aplicacións de navegación. Mesmo os servizos de reparto a domicilio poden ter dificultades para atopar determinadas casas se non coñecen previamente a zona. Un problema similar prodúcese cando se incorpora persoal novo ao reparto de Correos, que necesita tempo para familiarizarse coa particular configuración do barrio.
Fernández apuntou á posibilidade de estudar unha ordenación máis clara das vías e camiños e facelo en diálogo cos residentes. O obxectivo é corrixir os problemas actuais de localización, pero tamén mellorar a conectividade de Castelo e facilitar a chegada dos distintos servizos ás vivendas. Entre as cuestións trasladadas durante o encontro estivo tamén a posibilidade de recuperar, onde resulte posible, denominacións tradicionais dos propios camiños, contribuíndo ao mesmo tempo a conservar a toponimia propia do barrio.
Os socialistas lembraron que Castelo presenta unha realidade singular pola súa condición periurbana. A súa proximidade ao núcleo urbano convive cunha configuración marcada polas vivendas unifamiliares, os camiños e unha disposición do territorio que comparte características con zonas do rural. Neste sentido, a veciñanza trasladou tamén cuestións relacionadas co mantemento e desbroce dalgunhas vías e camiños.
Os socialistas puxeron en valor as actuacións realizadas nos últimos anos para mellorar a rede viaria da zona, onde o Concello acometeu intervencións en diferentes puntos como a Estrada Vella, o Camiño da Escola Vella ou a Travesía de San Eufrasio, entre outros. Defenderon a necesidade de continuar atendendo o mantemento destes espazos e adaptar as actuacións ás particularidades do barrio.
Camiño Primitivo e patrimonio
A visita permitiu tamén coñecer outras preocupacións relacionadas coa proximidade do Camiño Primitivo e coas afeccións patrimoniais existentes na contorna. A veciñanza trasladou distintas cuestións relacionadas coa igrexa e as parcelas próximas, ante as dificultades que poden existir á hora de acometer determinadas intervencións.
Os residentes amosaron igualmente aos representantes socialistas unha antiga fonte situada a escasos metros do Camiño Primitivo e actualmente deteriorada. A súa posible recuperación, segundo explicaron, permitiría poñer en valor un elemento da zona que podería resultar tamén de utilidade para os peregrinos, que habitualmente solicitan auga nas vivendas próximas durante o seu percorrido.
Neste ámbito, Fernández comprometeuse a informarse sobre as posibilidades existentes e as administracións ou organismos competentes en cada caso, co obxectivo de orientar á veciñanza e estudar que vías poden explorarse para atender estas demandas.
“Visitas coma esta permítennos coñecer problemas moi concretos que dificilmente se perciben desde un despacho. Hai cuestións que non precisan grandes obras, senón coñecer o territorio, escoitar á veciñanza e buscar solucións prácticas”, concluíu Fernández.

