Goretti Sanmartín pon en valor a importancia da cualificación profesional no sector da construción na inauguración da ‘Ruta Construye 2030plus’

Redacción

A alcaldesa de Santiago participou esta mañá na inauguración da ‘Ruta Construye 2030plus’, unha iniciativa itinerante que comeza en Santiago de Compostela un percorrido por 10 cidades do Estado para achegar formación práctica sobre illamento térmico de edificios, instalación de xanelas e bombas de calor, ademais de dar a coñecer materiais e sistemas construtivos innovadores.

Precisamente na importancia da cualificación profesional fixo fincapé Goretti Sanmatín durante a súa intervención, quen asegurou que “falamos moito da transición enerxética, da descarbonización da arquitectura ou da innovación tecnolóxica, pero ás veces esquecemos que todos eses cambios dependen das persoas que o materializan. Dependen da súa formación, da cualificación profesional e da capacidade de atraer novo talento a un sector estratéxico para o noso país e para as nosas cidades”. Neste sentido, indicou que para poder seguir transformando os edificios e cidades, a evolución do sector esixe novas competencias, novos materiais, novas técnicas e unha actualización constante dos coñecementos. Os desafíos son importantes, pero tamén o son as oportunidades.

Como exemplos de experiencias contrastadas sinalou o traballo do Consorcio e a súa traxectoria rehabilitando o patrimonio respectando a súa identidade e, ao mesmo tempo, mellorando as súas prestacións, ou as actuacións realizadas recentemente para mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade dos edificios municipais, como no Pazo de Raxoi, no complexo deportivo de Santa Isabel ou o pavillón de Vite.

Na organización da ‘Ruta Construye 2030plus’ participan a Fundación Laboral da Construción, xunto á Confederación Nacional de la Construcción (CNC), CCOO del Hábitat, UGT FICA e outras entidades participantes no proxecto Construye 2030plus, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea, que ten como obxectivo contribuír á mellora das competencias profesionais necesarias para afrontar os retos da transición enerxética.

Comparte este artigo