Xosé Merelles destaca o aumento da demanda no Centro Superior de Hostalería de Galicia, cun 27 % máis de alumnOS que o pasado curso

Redacción
  • Este ano, a nota de corte elevouse a 7,273 puntos, case dous máis que no 2025-2026
  • Un total de 370 estudantes incorporáronse á actividade académica estes días, dos cales 100 cursarán primeiro curso do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras
  • Os alumnos poderán optar a prácticas en grupos como Meliá Hotels International, Barceló Hotel Group, Iberostar Hotels & Resorts, Hyatt Hotels Corporation ou Marriott International
  • O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) iniciou o curso académico 2026-2027 con máis de 370 alumnos matriculados nos seus catro cursos, o que representa un incremento do 27% respecto do curso anterior. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a súa visita ás aulas do centro coa que quixo inaugurar oficialmente o novo curso académico.

Durante o percorrido, Xosé Merelles saudou aos 100 alumnos que comezan este ano o primeiro curso do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, unha cifra de matriculación que mantén  por terceiro ano consecutivo a capacidade do CSHG para atraer un centenar de novos estudantes.

Xosé Merelles quixo destacar tamén a evolución do centro ao lograr captar alumnado de maior cualificacións que se reflicte na nota de corte do grao, que se no curso 2025-2026 se situou en 5,418 puntos, este ano elévase ata os 7,273, case dous puntos máis.

O director de Turismo de Galicia salientou ademais, a evolución do centro e o seu papel na formación dos futuros profesionais do sector. “O crecemento do número de alumnos e, especialmente, o incremento da nota de corte son unha mostra do interese que esperta esta formación e da confianza que os estudantes depositan nun centro que leva máis de trinta anos sendo unha referencia para o sector hostaleiro e turístico”, afirmou.

Co inicio do novo curso, o CSHG consolídase como un dos principais centros de formación especializada en hostalería, cunha traxectoria que permitiu formar xa máis de 3.000 profesionais. Os seus antigos alumnos desenvolven actualmente a súa actividade en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.

Un dos principais elementos diferenciais da formación que ofrece o centro é a súa estreita relación coas grandes cadeas hoteleiras internacionais. Empresas como Meliá Hotels International, Barceló Hotel Group, Iberostar Hotels & Resorts, Hyatt Hotels Corporation ou Marriott International, entre outras, manteñen unha elevada demanda de estudantes do CSHG para a realización das súas prácticas.

As prácticas forman parte do plan de estudos durante os diferentes cursos da carreira e constitúen, ademais, unha vía de acceso directa ao mercado laboral. Precisamente, algúns dos alumnos que se incorporaron estes días á actividade académica veñen de facer prácticas durante os meses de verán en distintas empresas e puntos da xeografía nacional e internacional.

A conexión entre formación e empresa ten o seu reflexo tamén nos datos de empregabilidade. No ámbito da dirección hoteleira, esta sitúase por riba do 90 %, segundo as estimacións manexadas polo centro.

Comparte este artigo