O alcalde de Caldas de Reis está a entregar persoalmente cartas nas que se explica como deben proceder os veciños e veciñas para conectarse a este servizo, que dá resposta a unha demanda histórica
A infraestrutura, cuxa construción foi custeada con máis de 260.000 euros de fondos propios municipais, prestará servizo a centos de vivendas do Fieitoso, Casalderique, O Gorgullón e Cortiñas
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, iniciou nestes días unha campaña de información porta a porta pola parroquia de Carracedo para notificarlles que a Estación Depuradora de Augas Residuais construída no lugar do Fieitoso xa está operativa. A día de hoxe xa se poden enganchar a este servizo os veciños e veciñas do Fieiotoso e de Casalderique, aínda que tamén chegará a Cortiñas e O Gorgullón. “Estamos moi contentos de poder cubrir unha necesidade tan importante e demandada como esta substancional mellora do sistema de saneamento de augas”, recoñeceu o rexedor. Nas súas visitas, Pérez Gulín fai entrega ás persoas residentes nestas zonas dunha carta, na que explica como deben proceder para poder beneficiarse do servizo. Os veciños e veciñas deben solicitar o enganche á rede no Rexistro do Concello. Unha vez efectuada a revisión da conexión procederase a dar de alta o servizo por parte dos técnicos municipais. “É un paso moi importante, máis se cabe cando estamos a falar dunha prestación tan básica como a do saneamento das vivendas. Cumprir con este tipo de demandas foi un
dos compromisos que acadamos cando chegamos á Alcaldía e traballamos para facelo realidade”, sinala Jacobo Pérez, que, na propia carta, recorda á veciñanza que, con esta EDAR en marcha, “poderemos comezar a traballar noutros proxectos doutras zonas, que se servirán destas instalacións”, entre os que se inclúen a ampliación da rede de sumidoiros.
Nas cartas que o alcalde e os seus compañeiros de Goberno están a repartir tamén se expresa o seu agradecemento “pola paciencia amosada durante a realización das obras de construción da EDAR.
Somos conscientes de que foron uns traballos que, pola súa complexidade, conlevaron molestias, pero é un servizo que resultaba imprescindindible para a parroquia de Carracedo”. Na misiva tamén se recorda que este proxecto contou cun investimento próximo aos 270.000 euros. A execución da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) financiouse a través de fondos propios, con cargo ao Remanente de Tesourería correspondente ao exercicio 2024. A actuación iniciouse antes do verán e foi realizada pola empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Portela.
Jacobo Pérez incidiu tamén na importancia de realizar este tipo de campañas informativas porta a porta, xa que “nos permite escoitar e tomar nota das inquedanzas e preocupacións máis particulares da xente”. Desde a chegada de Pérez Gulín á Alcaldía xa se promoveron numerosas reunións informativas e iniciativas deste tipo no rural, para que “todas as veciñas e veciños de Caldas de Reis poidan trasladarnos as súas suxestións e demandas, sen necesidade de teren que desprazarse ata o Consistorio, algo que, en moitas ocasións, non poden facer”.

