Bouza responsabiliza a Rueda da “emerxencia sanitaria” en Santiago tras dispararse as listas de espera

Redacción

Aitor Bouza cualifica os datos de “absolutamente alarmantes” e denuncia que a demora aumentou 30,4 días nun só ano, un 35 %, mentres as persoas da área teñen que agardar 25 días máis que no resto de Galicia.

O deputado socialista acusa á Xunta de incumprir a súa previsión de situar a espera nos 77 días e anuncia que o PSdeG esixirá no Parlamento medidas inmediatas para garantir que as persoas que viven en Santiago e Barbanza “non poden ser de segunda”.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, alertou hoxe da situación das listas de espera cirúrxicas na área sanitaria de Santiago e Barbanza, que se sitúan nos 116 días de demora media. Os datos supoñen 30,4 días máis que no ano 2025, un incremento do 35 %, e deixan ás persoas desta área cunha espera 25 días superior á doutras áreas sanitarias galegas.
Bouza cualificou os datos de “absolutamente alarmantes” e advertiu de que “Santiago está en alerta”, especialmente ante unha evolución que considera incompatible cos compromisos asumidos pola Xunta. O deputado socialista incidiu en que “respecto ao ano 2025, hai 30,4 días máis de espera nun só ano” e contrapuxo esta realidade coas previsións do Goberno galego, que “prometía que se situaría nos 77 días” pero que, segundo denunciou, remata “xustamente en 116”.
Para o secretario xeral dos socialistas composteláns, as cifras permiten ver “de maneira obxectiva” a radiografía da política sanitaria que está a desenvolver a Xunta de Rueda en Santiago e Barbanza. Bouza considera que a situación evidencia “un ataque frontal ao sistema sanitario público galego” nesta área sanitaria, algo que cualificou de “absolutamente intolerable”.
Neste contexto, Bouza sinalou directamente ao presidente da Xunta ao asegurar que “a día de hoxe hai unha responsabilidade e un responsable” e que “é Rueda”. O socialista lembrou os sucesivos colapsos rexistrados nas urxencias e os problemas na atención sanitaria durante os últimos anos e reprochou ao presidente galego que “non cesou ao xerente da área despois de todas as anomalías” denunciadas.
Así, Bouza atribuíu a Rueda a responsabilidade política da situación e afirmou que é “o principal responsable desta absoluta catástrofe que podemos ver nuns datos obxectivos”. O deputado avanzou que o PSdeG esixirá no Parlamento de Galicia que esta situación “se reverta de maneira inmediata” para garantir “un dereito fundamental como é o dereito á saúde”, que definiu como “un dereito básico para a vida da xente”.
Finalmente, o secretario xeral do PSdeG compostelán reclamou á Xunta que actúe para corrixir este “estado de alerta absoluta” e a “emerxencia sanitaria” que, segundo denunciou, atravesa a área de Santiago e Barbanza. Bouza insistiu na necesidade de garantir os mesmos dereitos con independencia do lugar de residencia, porque as galegas e galegos que viven en Santiago e Barbanza “non poden ser de segunda”.

Comparte este artigo