O BNG de Vigo pon en valor as novas frecuencias ferroviarias como proba do valor de ter unha voz galega propia no Congreso

Redacción

A fronte nacionalista salienta o aumento da oferta no Eixo Atlántico nun 24% desde o 15 de outubro, con máis de 1.000 novas prazas diarias, pero seguirá a reclamar a mellora dos horarios e solucións á reiterada impuntualidade e numerosas incidencias

Reitera o seu compromiso en esixir, con toda a firmeza, a posta en marcha do servizo de cercanías entre Vigo e Pontevedra para vertebrar a maior área urbana de Galiza

Xabier P. Igrexas: “Conquistamos melloras históricas coa forza do BNG en Madrid, pero non nos conformamos: imos seguir loitando para que Vigo teña, por fin, o servizo ferroviario público e de calidade que merecemos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG)  de Vigo vén de poñer en valor o incremento de frecuencias e prazas nos servizos ferroviarios que entrará en vigor o vindeiro 15 de outubro como unha “proba indiscutíbel” do valor de contar cunha forza política galega propia e sen ataduras nas Cortes do Estado.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou que, grazas á iniciativa nacionalista, a oferta do Eixo Atlántico aumentará un 24%, mentres que os servizos AVANT incrementarán a súa oferta nun 7%. No conxunto da Galiza, o incremento suporá 400.000 prazas máis ao ano, máis de 1.000 adicionais cada día.

“Estamos a falar de máis trens e máis prazas, pero tamén de facilitar os desprazamentos diarios de milleiros de persoas que precisan utilizar o ferrocarril para traballar, estudar ou desprazarse entre as cidades galegas”, sinalou Igrexas.

O valor de ter voz propia

Igrexas destacou que estas melloras son resultado do enorme traballo desenvolvido polo deputado e portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e da capacidade da fronte nacionalista para negociar e conseguir avances concretos.

“Estas melloras son unha proba indiscutíbel do valor de contarmos cunha forza política propia e sen ataduras nas Cortes do Estado. O BNG cumpre coa veciñanza de Vigo”, afirmou Igrexas.

O portavoz municipal subliñou que os avances ferroviarios evidencian “canto máis poderemos lograr cun BNG moito máis forte e cunha representación determinante no Congreso”. “Ese é o inmenso valor de termos unha representación verdadeiramente galega, nos feitos, que non se subordina ás ordes que ditan as sedes madrileñas dos partidos estatais”, apuntou.

Máis e mellor tren

A fronte nacionalista advertiu, porén, de que o incremento da oferta ferroviaria non resolve todas as carencias que padece Vigo. “Desde o BNG non nos conformamos e seguiremos a defender que Vigo e Galiza precisan de moito máis e mellor tren”, afirmou Igrexas.

Neste sentido, reclamou unha mellora urxente dos horarios e solucións definitivas aos problemas de puntualidade e ás reiteradas incidencias que afectan os servizos ferroviarios.

“A mobilidade do século XXI non se resolve con parches nin con triunfalismos. A veciñanza de Vigo padece a diario unha xestión ferroviaria deficiente”, denunciou Igrexas, quen advertiu de que as incidencias e atrasos converten o transporte público “nunha carreira de obstáculos para milleiros de usuarias e usuarios”.

Cercanías

O portavoz municipal nacionalista situou nas cercanías ferroviarias entre Vigo e Pontevedra “a gran materia pendente” para a cidade e reclamou ao Goberno do Estado que cumpra “si ou si, e sen máis dilacións nin escusas” os compromisos asinados co BNG no acordo de investidura.

“Vigo precisa xa duns servizos ferroviarios de proximidade con frecuencias dignas e prezos accesíbeis que conecten de verdade e permitan vertebrar a maior área urbana da Galiza”, defendeu.

Igrexas asegurou que a formación nacionalista continuará exercendo “unha esixencia firme e incansábel” fronte ao Goberno central e aos seus voceiros locais. “Conquistamos melloras históricas coa forza do BNG en Madrid, pero non nos conformamos. Imos seguir loitando para que Vigo teña, por fin, o servizo ferroviario público e de calidade que merecemos”, remachou.

Comparte este artigo