O BNG reclama á Xunta que reverta os recortes no IES de Teis que paralizan a actividade do centro

Redacción

A fronte nacionalista demanda a restitución das horas destinadas a mantemento e soporte informático, que a Consellaría de Educación decidiu eliminar sen aviso previo

Alexandra Fernández: “A eliminación destas horas non é un simple axuste administrativo, é un recorte de servizo público que prexudica a toda a comunidade educativa”

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribe a situación do centro dentro da política de “sabotaxe contra o ensino público” que practica a Xunta do PP

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama á Xunta de Galiza que reverta os recortes no IES de Teis, en Vigo, que están a paralizar a actividade lectiva. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar a restitución das horas destinadas a mantemento e soporte informático e a ampliación do profesorado nun centro con máis de 1.700 alumnos a alumnas.

A deputada do BNG, Alexandra Fernández, denunciou que este recorte de horas realizouse sen aviso previo por parte da Consellaría de Educación malia ser imprescindíbel para o funcionamento das aulas e talleres, nun centro que conta con 700 ordenadores e máis de 80 servidores para atender ensinanzas de ESO, Bacharelato, Educación de Persoas Adultas e Formación Profesional, cunha das ofertas máis amplas de Galiza en materias informáticas.

Fernández subliñou que a eliminación destas horas imposibilita ao profesorado de Informática e Comunicacións xestionar as tarefas de soporte técnico que veñen realizando durante os últimos 40 anos, e que permitiron “aforrar millóns de euros das arcas públicas” ao non depender de empresas externas para estas tarefas nos máis de 700 ordenadores e 80 servidores do instituto, entre outros dispositivos informáticos.

Impiden a realización das clases

A deputada nacionalista alertou de que “agora mesmo calquera fallo dos equipos informáticos impide a realización das clases”. Aliás, o centro non puido crear as contas individuais para o alumnado e o profesorado, deixando sen acceso aos recursos dixitais das aulas virtuais. E a medio prazo, sinalou, esta falla de mantemento vai supoñer un progresivo deterioro na infraestrutura informática do centro público.

As iniciativas do Bloque recollen tamén as denuncias da comunidade educativa pola infradotación de docentes no departamento de Informática, que supoñen un déficit de 14 horas e a conseguinte sobrecarga sobre o profesorado. Esta precariedade afecta con especial incidencia no curso de Ciberseguridade, onde a falla de recursos imposibilita que se atendan as funcións que o propio Goberno galego fixa como necesarias.

“A eliminación destas horas non é un simple axuste administrativo, é un recorte de servizo público que prexudica directamente a toda a comunidade educativa do IES de Teis, que precariza as condicións laborais do profesorado e incumpre a propia normativa da Consellaría de Educación”, cuestionou a deputada do Bloque, urxindo a que de inmediato se repoñan as horas recortadas e se dote de máis persoal ao centro.

Sabotaxe contra o ensino público

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, encadrou a situación concreta no IES de Teis dentro da política de “sabotaxe contra o ensino público” coa que o Partido Popular insiste en recortar e precarizar. “Este inicio de curso o PP xa tirou a careta e amosa sen complexos como a súa aposta é estrangular os centros educativos públicos para seguir favorecendo as súas empresas amigas do ensino privado-concertado”, denunciou.

A actuación da Xunta de Galiza no ámbito educativo en Vigo resúmese, segundo Igrexas en “cero investimento para mellorar centros, nalgúns casos de máis de cincuenta anos, recortes continuados de persoal e unha permanente tomadura de pelo aos equipos directivos, ao profesorado e ao conxunto da comunidade educativa”.

“É hora de que o PP comprenda que o dereito ao ensino non é unha mercadoría coa que facer negocio, que é un servizo público esencial e un dereito fundamental que require de máis persoal, de máis medios e de mellores dotacións”, remachou.

Comparte este artigo