O BNG de Vigo propón duplicar o recargo do IBI ás vivendas baleiras e elevalo ao 150% para os grandes propietarios

Redacción

A fronte nacionalista levará ás ordenanzas fiscais de 2027 unha proposta para penalizar os inmóbeis desocupados desde hai máis de tres anos e bonificar o 95% do imposto ás vivendas incorporadas a programas de alugueiro social

Urxe ao Goberno municipal de Abel Caballero a pasar “dos xestos e as boas palabras aos feitos”, esixíndolle que execute os acordos en materia de vivenda adoptados polo Pleno, a proposta do BNG, en marzo de 2024

Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode ter máis de 22.000 vivendas baleiras mentres miles de persoas non poden acceder a un fogar a prezos asumíbeis”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo proporá duplicar o recargo do Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) para as vivendas que permanezan desocupadas desde hai máis de tres anos, até o 100%, e elevalo ao 150% no caso dos grandes propietarios que teñan dous ou máis inmóbeis baleiros. A fronte nacionalista trasladará esta medida ás ordenanzas fiscais municipais de 2027, xunto cunha bonificación do 95% do IBI para as vivendas que se incorporen a programas públicos de alugueiro ou se destinen a alugueiro protexido ou social.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu do “sen sentido” que supón a existencia de máis de 22.000 vivendas baleiras en Vigo, segundo os datos oficiais do Censo de Vivendas do Instituto Nacional de Estatística (INE), mentres preto de 12.000 persoas están rexistradas como demandantes de vivenda protexida, na súa inmensa maioría en réxime de alugueiro social.

“Temos un inmenso parque de vivenda baleira nunha cidade onde cada vez máis persoas traballadoras e mocidade non se poden permitir, literalmente, o luxo de ter unha vivenda”, denunciou Igrexas. O portavoz municipal nacionalista sinalou tamén o desequilibrio existente no mercado do alugueiro: fronte aos case 2.000 pisos turísticos a oferta de vivenda para alugueiro residencial permanente apenas alcanza os 270 inmóbeis.

O portavoz do BNG alertou de que a escaseza de oferta residencial está a producirse nun mercado marcado pola “especulación rendista e polo encarecemento dos prezos”. Segundo os datos dispoñíbeis, arredor da metade das vivendas dispoñíbeis para alugar hoxe en Vigo xa presentan rendas superiores aos 1.000 euros mensuais.

Penalizar a vivenda baleira e incentivar o alugueiro social

O BNG defende que a política fiscal municipal debe contribuír a mobilizar as vivendas desocupadas e ampliar a oferta residencial. Por iso, reclama ao Goberno municipal de Abel Caballero que execute os acordos aprobados polo Pleno en marzo de 2024, a partir dunha moción do BNG, que incluían a elaboración dun Plan de Acción Local para a mobilización das vivendas baleiras.

A proposta fiscal do Bloque busca actuar en dúas direccións. Dunha banda, incrementar o recargo do IBI para as vivendas que permanezan desocupadas durante máis de tres anos, con maior intensidade para os propietarios de dous ou máis inmóbeis baleiros, pensando precisamente no importante número de pisos que posúen fondos voitre, ou entidades financeiras que foron rescatadas con diñeiro público. E ao tempo, defenden estimular a oferta a prezos accesíbeis establecendo unha bonificación do 95% para aquelas vivendas que se incorporen a programas públicos de alugueiro ou se destinen a modalidades protexidas ou sociais.

“Non ten sentido que haxa casas sen xente mentres hai tanta xente sen casa. O Concello ten ferramentas para actuar e debe empregalas para favorecer que a vivenda cumpra a súa función residencial fronte a especulación”, defendeu Igrexas, quen subliña que estas medidas están previstas na lexislación e poden contribuír a aumentar a oferta de alugueiro asumíbel.

Pasar dos xestos aos feitos

Igrexas reclamou ao Goberno municipal que abandone a inacción e adopte medidas concretas fronte á emerxencia habitacional.  “Os xestos e as accións simbólicas, como o minuto de silencio onte no Concello polo falecemento de Maricarmen, son necesarios, pero o verdadeiramente importante é tomar decisións urxentes. Precisamos pasar dos discursos e das boas palabras aos feitos”, argumentou.

“Pedímoslle ao Goberno de Abel Caballero que deixe de arrastrar os pés, que abandone a política de brazos caídos, e que adopte medidas concretas para garantir o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade”, remachou o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo