“Palabras Maiores”, o novo proxecto do CEIP San Clemente no que se implica a mocidade e as persoas da terceira idade

Redacción

 Ata o mes de maio, 17 alumnos e alumnas de 6º de Primaria gravarán en Radio Clementina ‘podcasts’ nos que entrevistan a usuarios e usuarias do Fogar do Maior, de entre 60 e 93 anos de idade, en sesións que se poderán escoitar en Internet e nos que se recuperan lembranzas das festas populares ou da evolución do municipio

 O alcalde, Jacobo Pérez, puxo en valor unha iniciativa “vital para as novas xeracións”, na que colaboran, ademais do Concello, a FEGAUS e a Canle Radio Sénior

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participou na mañá deste venres na presentación de ‘Caldas de Reis, palabras maiores’, un proxecto no que cobran protagonismo as persoas maiores e o alumnado do CEIP Plurilingüe San Clemente de César. A través de ‘Radio Clementina’, a súa exitosa, premiada e recoñecida emisora escolar, estudantes de 6º de Primaria gravarán ‘podcats’ ata final de curso con veciños e veciñas de idades comprendidas entre os 60 e 93 anos. Son usuarios e usuarias do Fogar do Maior caldense que, a través destas entrevistas, “recuperarán para as novas xeracións parte da nosa historia e tradición como vila”, sinalou o rexedor, que expresou o seu agradecemento á comunidade educativa do CEIP San Clemente por impulsar esta proposta, na que tamén colaboran, ademais do Concello, a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAMUS) e a canle Radio Sénior.

Serán 17 os alumnos e alumnas encargados de entrevistar a nove usuarios e usuarias do Fogar do Maior, en sesións mensuais que irán desde este mes de outubro ata maio de 2027. Estes encontros serán subidos ás redes sociais do Concello, do CEIP San Clemente e da emisora municipal Radio Caldas, onde quedarán a disposición de todas as persoas que desexen escoitar estes podcasts. Durante estas conversas, os e as entrevistadas achegarán a súa particular visión sobre a evolución experimentada polo municipio nas últimas décadas
e achegarán recordos e vivencias da súa mocidade e das festas populares. Tamén haberá tempo para falar da historia de Caldas de Reis ou do Camiño Portugués, entre outras cuestións.

O alcalde fixo fincapé na importancia de manter vivas estas lembranzas grazas á implicación das persoas maiores. “Son unha canle a través da cal as novas xeracións e a rapazada teñen ocasión de saber como era o Caldas de Reis no que viviron e medrados os seus avós e avoas”, sinalou, ao tempo que felicitou ao centro educativo pola iniciativa e polo éxito de ‘Radio Clementina’, unha emisora que “xa é un referente no eido educativo na provincia de Pontevedra”, como o demostran os galardóns e recoñecementos obtidos nos últimos anos. Por último, Pérez Gulín incidiu na importancia de que Caldas de Reis conte co novo Fogar do Maior, inuagurado en novembro do ano pasado, a través do cal “ofrecemos un lugar de acompañamento, diversión, saúde e compañeirimo a todas as persoas maiores do noso municipio”.

Comparte este artigo