O Concello e a Asociación Española Contra o Cancro colaboran nunha nova edición das “Rutas Saudables”

Redacción

O Concello de Santiago e a Asociación Española Contra o Cancro colaboran nunha nova edición das Rutas Saudables, unha iniciativa gratuíta que busca combater o sedentarismo e promover a saúde a través da actividade física. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o programa xunto con Xoán Concheiro, presidente da Xunta Local da AECC en Santiago, e Andrea Gómez, psicóloga e membro da área de Promoción da Saúde da Asociación.

As Rutas Saudables forman parte das accións de prevención da Asociación Española Contra o Cancro e desenvólvense actualmente nas cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol. A iniciativa busca facilitar a incorporación do exercicio físico á vida diaria a través de paseos duns 5 km, de entre 60 e 90 minutos de duración, guiados por persoas voluntarias que acompañan e velan pola seguridade e benestar dos participantes. Os percorridos, deseñados desde o Concello, transcorren por distintos puntos da cidade e permiten descubrir espazos tan emblemáticos como o Parque Eugenio Granell, a Carballeira de San Lourenzo, o Parque de Belvís ou o Xardín de Fonseca.

Os riscos do sedentarismo

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que iniciativas como as Rutas Solidarias “axudan a combater a tendencia ao sedentarismo, cada vez máis preocupante por mor dos novos hábitos de vida e o uso excesivo das novas tecnoloxías”. María Rozas lembrou que “a Organización Mundial da Saúde recomenda 150 minutos de actividade física semanal, e ainda que poida non parecer moito, unha parte moi importante da poboación non o cumpre”. Ademais, a tenenta de alcaldesa destacou que “ademais dos beneficios físicos, esta actividade impacta na saúde mental, porque contribúe a xerar comunidade entre as participantes e compartir experiencias entre as persoas que atravesan circunstancias vitais similares”.

O presidente da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro en Santiago, Xoán Concheiro, explicou que “moitas persoas son conscientes da importancia de facer exercicio, pero atopan dificultades para dar ese primeiro paso”. Nese sentido, salientou que “estas rutas ofrecen unha alternativa sinxela e accesible que, ademais, teñen un segundo obxectivo que consideramos igualmente importante: combater a soidade e favorecer as relacións sociais”

Inscricións abertas

As Rutas Saudables celebraranse cunha periodicidade quincenal e as saídas serán os mércores ás 11:00 horas. A primeira ruta terá lugar o vindeiro 14 de outubro.

A actividade está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos e ofrece a oportunidade de mellorar a saúde física e emocional mediante a práctica regular de exercicio en grupo, favorecendo ao mesmo tempo a socialización nunha contorna urbana e natural. A boa acollida do programa reflíctese nas máis de 300 persoas que participaron nas distintas edicións desenvolvidas pola Asociación na provincia da Coruña desde 2019.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago (Avda. Barcelona, 29 baixo), chamando ao teléfono 981 576 479 ou a través do correo electrónico santiago.compostela@contraelcancer.es.

As Rutas Saudables da Asociación enmárcanse no Plan 2 Millóns, un proxecto impulsado polo Clúster do Deporte Galego que busca incrementar os niveis de actividade física en dous millóns de galegos e galegas, contribuíndo así a unha vida máis activa e saudable.

“Noite solidaria contra o cancro”

Durante a presentación, Xoán Concheiro lembrou tamén a próxima celebración da “Noite Solidaria contra o cancro”, que terá lugar o vindeiro 23 de outubro, ás 21:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Organizada coa colaboración da Xunta de Galicia, a iniciativa busca mobilizar á sociedade compostelá en apoio á investigación oncolóxica e ás persoas afectadas polo cancro. Para o presidente da Xunta Local, será “unha velada única na que a gastronomía galega servirá de punto de encontro para persoas, empresas e entidades comprometidas coa loita contra o cancro”. Xoán Concheiro apuntou que a cita terá lugar no mes da Sensibilización sobre o Cancro de Mama, unha data especialmente significativa para seguir dando visibilidade á importancia da prevención, da investigación e do apoio ás persoas afectadas polo cancro.

As entradas para a “Noite Solidaria contra o cancro” teñen un prezo de 55 euros e xa se poden adquirir na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago (Avda. de Barcelona, 29, baixo), así como nos establecementos colaboradores A Reixa Tenda, Matrioska (Rúa do Hórreo, 53) e Xoiería Jael (Rúa Xeneral Pardiñas, 7), e a través do seguinte formulario en liña. Ademais, as persoas que non poidan asistir e desexen colaborar coa iniciativa poderán facelo mediante unha fila 0 solidaria, realizando a súa achega a través da conta habilitada.

Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. O cancro non só afecta a quen o padece, senón que impacta na súa familia, a súa contorna e en toda a sociedade. Afrontalo esixe unha resposta colectiva baseada no compromiso, a acción sostida e a investigación centrada nas persoas. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas.

No ADN da asociación está estar ao lado das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. A Asociación impulsa a maior rede de investigación en cancro en España con máis de 3.000 investigadores, distribuídos en 160 centros de investigación en 38 provincias. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 157 millóns de euros en 792 proxectos.

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.

Comparte este artigo