A alcaldesa proporá a concesión da medalla de ouro da cidade a Xosé Manuel Beiras

Redacción

Goretti Sanmartín anunciou esta mañá que proporá na Comisión de Honras e Condecoracións a concesión da máxima distinción institucional do Concello a “unha persoa que non podía encarnar mellor nin representar mellor a nosa cidade en todas as facetas da súa vida”.

“Non hai dúbida ningunha de que Xosé Manuel Beiras foi un dos bos e xenerosos e Santiago perde unha persoa á que sempre lembrará esta cidade e que deixa a súa pegada en toda Galiza” afirmou esta mañá a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tras facerse público o pasamento de Xosé Manuel Beiras.

A rexedora sinalou que “non puido representar e encarnar mellor a Compostela” e engadiu que “calquera das facetas da súa vida, a política, a académica ou a cultural ten fondas raíces na cidade, desde a que acabou establecendo relacións co conxunto de todo o país”. Por estas razóns, Goretti Sanmartín anunciou que trasladará á Comisión de Honras e Condecoracións a proposta para a concesión da medalla de ouro da cidade.

Lembrou, ademais, os momentos compartidos nos últimos actos institucionais afirmando que “tiven o privilexio de partillar desde a Alcaldía momentos de fonda emoción con el” en referencia ao acto de recoñecemento como filla predilecta “á súa querida Aurichu” e tamén o acto de recoñecemento como ao propio Xosé Manuel Beiras como escritor na súa terra, coa plantación dun teixo no parque de Galeras.

A alcaldesa tamén fixo referencia á súa traxectoria política asegurando que “temos un fondo pesar pola morte dun compañeiro, dun nacionalista que pasou toda a súa vida dedicándose a pensar, a amar, a construír e a loitar por Galiza” . Neste sentido, afirmou que “é unha honra formar parte da mesma loita política cunha persoa tan profundamente humana e, á vez, tan excepcionalmente brillante”.

Comparte este artigo