Valora positivamente o recoñecemento anunciado a Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez-Bravo, os últimos vigueses asasinados pola ditadura, pero reclama que se complete cunha homenaxe ao referente obreiro e antifranquista
A fronte nacionalista esixe coherencia ao Goberno de Caballero e lembra que o Pleno aprobou por unanimidade en 2006 retirar a Cruz do Castro como símbolo da ditadura
Xabier P. Igrexas: “Memoria, dignidade e xustiza implican retirar todos os símbolos do fascismo e dar o recoñecemento que merecen a quen deron a vida pola liberdade”.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo valora positivamente o anuncio de que o Goberno municipal vaia render unha homenaxe pública a Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez-Bravo, os últimos vigueses asasinados polo fascismo e pola ditadura franquista en setembro de 1975. Porén, a fronte nacionalista reclama que este recoñecemento se faga extensivo a Moncho Reboiras, referente da loita obreira, antifranquista na cidade, e que se proceda á retirada inmediata da Cruz do Castro, o maior monumento de exaltación da ditadura que continúa en pé en Vigo.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considera que a homenaxe a Baena e Sánchez-Bravo é necesaria para facer xustiza coa súa memoria e coa das súas familias, mais advirte de que a memoria democrática non pode quedar en recoñecementos parciais nin en xestos sen consecuencias.
Moncho Reboiras
O BNG reclama ao Concello que incorpore Moncho Reboiras á homenaxe ás vítimas do franquismo, polo seu papel como referente da loita obreira e antifranquista en Vigo durante a década dos setenta.
“Foi na nosa cidade onde Moncho desenvolvería grande parte da súa labor como organizador, quer no ámbito cultural, no social e, sobre todo, no sindical como operario en Barreras e Álvarez”, lembra Igrexas que puxo en valor o seu “compromiso patriótico cunha Galiza soberana, a súa loita incansábel en favor das clases populares e traballadoras e a súa exemplar militancia en favor da liberdade do noso pobo fronte á ditadura”
A fronte nacionalista lembra que xa propuxo o 12 de agosto de 2025, coincidindo co 50 aniversario do seu asasinato a mans da policía franquista, dar o seu nome ao Auditorio Municipal do Centro Cívico de Teis.
“Vigo ten unha débeda de gratitude coa memoria de Reboiras, como referente da loita contra a ditadura e en prol dos dereitos sociais e nacionais do pobo galego, que xa vai sendo hora de pagar”, reivindicou Igrexas.
Cruz do Castro
O portavoz municipal nacionalista esíxelle ao Goberno de Abel Caballero “unha elemental coherencia” entre a homenaxe ás vítimas do franquismo e a permanencia da Cruz franquista do Castro, que cualifica como o maior monumento de exaltación da ditadura que aínda queda na cidade.
O BNG lembra que o Pleno municipal aprobou por unanimidade en febreiro de 2006, a proposta da fronte nacionalista e co voto favorábel do Grupo Socialista, un acordo no que se recoñecía que este monumento é un símbolo da ditadura que ofende á memoria democrática.
Igrexas reclama que se cumpra aquel acordo e reitera a esixencia de retirar a cruz. “Non se pode homenaxear ás vítimas do franquismo ao tempo que se mantén de pé no Castro o maior monumento de exaltación da ditadura que aínda queda na nosa cidade”, advertiu.
Coherencia institucional
O portavoz do BNG reclama tamén coherencia institucional na condena do golpe militar fascista de 1936, do que se cumpren 90 anos. Neste sentido, lembrou que o pasado mes de xullo a maioría absoluta do PSOE coa complicidade do Partido Popular impediron que o Pleno puidese aprobar unha declaración institucional proposta polo BNG para rexeitar de maneira rotunda o golpe.
Igrexas considera que aínda é tempo de rectificar e defende que a memoria democrática debe traducirse en decisións concretas, tanto no recoñecemento das persoas que loitaron pola liberdade como na eliminación dos símbolos da ditadura.
“Memoria, dignidade e xustiza implican retirar todos, absolutamente todos, os símbolos do fascismo e dar o recoñecemento que merecen a quen deron a vida pola liberdade e ás vítimas do réxime de terror e represión que representou o franquismo”, concluíu.
O portavoz nacionalista advertiu de que esta tarefa é “especialmente necesaria nun momento no que vemos como avanza a ameaza reaccionaria da dereita ultraespañolista”.

