O concello de Nigrán participa este domingo na Madorra na “Limpeza Simultánea de Praias” organizada con Adega

Redacción

Este día de sensibilización ambiental pretende que a cidadanía coñeza de preto a problemático dos residuos mariños

O Concello de Nigrán súmase como cada ano o domingo 18 de Outubro á ‘XV Limpeza Simultánea de Praias” coordinada pola asociación ecoloxista Adega e que, nesta ocasión, se centrará na Madorra. A xornada terá lugar desde ás 11:00 horas (punto de encontro no propio paseo) e se extenderá durante 1,5 horas. Recoméndase levar luvas e calzado e roupa axeitados.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.

Comparte este artigo