O alcalde sinala que a día de hoxe o corpo de seguridade conta con 10 axentes, 1 oficial e 1 inspector, garantindo servizo 24 horas durante os 365 días do ano
A Policía Local volve contar cunha muller entre os seus integrantes 25 anos despois
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, deu este mércores a benvida aos dous novos integrantes da Policía Local, que se incorporan ao corpo de seguridade logo de completar a súa formación na Academia Galega de Saúde Pública. Pérez Gulín explicou que a día de hoxe o municipio conta cun total de 13 integrantes policiais (10 axentes, 1 oficial e un inspector). Ademais, dase a circunstancia de que unha das novas incorporacións é unha axente, polo que Caldas de Reis volverá contar cunha muller dentro do seu corpo de seguridade por primeira vez en 25 anos.
“Seguimos a traballar para cubrir necesidades da veciñanza en materia de seguridade”, sinalou o rexedor caldense, que puxo en valor o feito de que a Policía Local conte con servizo 24 horas, agás algunha quenda puntual, durante os 365 días do ano. “Somos un concello de menos de 10.000 habitantes que busca garantir o benestar dos nosos veciños e veciñas, así como das persoas que visitan a vila, en todo momento. Isto é algo que non sucede en municipios da provincia de Pontevedra e doutros lugares de Galicia que teñen máis poboación e non contan con este servizo as 24 horas”, incidiu.
Jacobo Pérez amosouse convencido de que as dúas novas incorporación “levarán a cabo un gran labor” e puxo en valor “o compromiso e a dedicación de todos os membros da nosa Policía Local.
Fan un traballo diario moi importante e son un auténtico exemplo de profesionalidade en proximidade, velando en todo momento polo benestar de todas e todos”, detacou o alcalde. O financiamento destas contratacións cúbrese con fondos propios do Concello. “A seguridade cidadadá é unha prioridade para nós, tendo en conta, ademais, que contamos cunha poboación flotante, xa que recibimos a moitos visitantes en diferentes épocas do ano, ao ser un destino turístico termal de referencia e tamén pola influencia do Camiño Portugués”, concluíu Pérez Gulín, que tamén destacou a boa sintonía en materia de coordinación e colaboración, cando é preciso, coa Subdelegación do Goberno e a Garda Civil.

