- Ángeles Vázquez incide en que con esta actuación se blinda o servizo de abastecemento de auga tanto para os fogares, como para o sector gandeiro e industrial do municipio, que xeran emprego e contribúen a fixar poboación no rural
- As obras, que son financiadas nun 80% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia e nun 20% polo Concello, suporán unha renovación tecnolóxica integral da planta potabilizadora
A Xunta de Galicia e o Concello de Castro de Rei financiarán con 1,35 millóns de euros a modernización da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Quintela, tal e como establece o convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do municipio, Francisco Balado.
Segundo dixo a conselleira, esta actuación ten como obxectivo garantir a máxima calidade posible da auga potable solventando as limitacións das instalacións actuais, que contan xa cunha antigüidade de 20 anos. De feito, a previsión é que con esta mellora se poida dar servizo a unha poboación estimada de 6.575 habitantes no ano horizonte 2049.
Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu en que con esta modernización Xunta e Concello blindan o servizo de abastecemento de auga tanto para os fogares, como para o sector gandeiro e industrial do municipio, que xeran emprego, riqueza e contribúen a fixar poboación no rural.
Máis polo miúdo, as obras, que son financiadas nun 80% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia e nun 20% polo Concello, suporán unha renovación tecnolóxica integral da planta potabilizadora. Así, incorporaranse novos sistemas de filtrado de vangarda, altamente eficaces, que reteñen calquera impureza ou exceso de minerais naturais da auga. Tamén se instalarán sistemas de contralavado dos filtros, e servizos auxiliares de instrumentación, así como un novo cadro eléctrico para controlar e automatizar os filtros e os equipos de lavado.
A conselleira indicou que cando conclúan estes traballos, que son cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a veciñanza de castro de rei contará coa garantía de que auga que consome ten a máxima pureza e supera con amplitude os controis de calidade máis estritos da normativa actual.
Así mesmo, a responsable autonómica destacou que con este tipo de convenios a Xunta continúa apostando por brindar o seu apoio e colaboración aos concellos na execución de infraestruturas hidráulicas, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a protexer o medio ambiente e a garantir servizos públicos esenciais como é o abastecemento, aínda que se trate de competencias municipais.
Cómpre lembrar que esta actuación se enmarca tamén na estratexia que desenvolve a Augas de Galicia para reforzar os servizos básicos hidráulicos no rural mediante o deseño e execución de actuacións adaptadas á realidade dos concellos de menor tamaño e á dispersión que caracteriza o territorio galego.

